A Alianza polo Autoconsumo, da que formamos parte como federación estatal, publica no día do Sol o informe “Autoconsumo en España: Diagnósticos, retos e propostas” no que identifica as barreiras ás que se enfronta a cidadanía para unirse ao autoconsumo colectivo enerxético.
O autoconsumo é unha das principais ferramentas que teñen as persoas para ser protagonistas da transición enerxética e loitar contra o incremento da factura da luz e o cambio climático, a pesar disto o autoconsumo colectivo é practicamente inexistente en España: representa apenas un 1% das instalacións máis de catro anos despois da publicación do real decreto que o introduciu.
A Alianza polo Autoconsumo rexistra máis de 500 casos de autoconsumo individual e colectivo bloqueados que afectan a case 1000 puntos de subministración, que suman 3,58 MW
A enerxía solar é a principal fonte da que bebe o autoconsumo enerxético en España. Aproveitando o día do sol, a Alianza polo Autoconsumo publicou o informe: “Autoconsumo en España: Diagnósticos, retos e propostas”, no que se revela que os procedementos das distribuidoras de electricidade son unha das principais barreiras ao desenvolvemento do autoconsumo colectivo en España.
O informe conclúe que os trámites administrativos innecesarios e inxustificados, as demoras das distribuidoras eléctricas e os requirimentos desproporcionados e continuados, entorpecen o despegamento do autoconsumo colectivo en España.
As principais distribuidoras eléctricas, Iberdrola, Endesa e Naturgy, continúan obstaculizando o acceso das persoas á enerxía
Estas grandes empresas non só acumulan poder e recollen beneficios milmillonarios como xeradoras e comercializadoras, senón que, ademais, no seu papel de distribuidoras están a poñer paus ao despegamento do autoconsumo en España, a principal ferramenta para que as persoas loiten contra o incremento da factura da luz e o cambio climático e participen na transición enerxética.
Aínda que España conta con 5,4 GW de autoconsumo instalados e aumentou un 1.200% desde 2018, só o 1% é colectivo. A maior parte do autoconsumo limítase ás instalacións que non necesitan permisos de acceso e conexión coas distribuidoras, como as residenciais de menos de 15 kW ou as industriais sen excedente.
A pesar de que o 67% dos españois reside en bloques de vivendas, o diagnóstico é desalentador: aínda que o autoconsumo colectivo está permitido no marco normativo, na práctica é inexistente.
Os procedementos das distribuidoras, o gran ‘pau na roda’
O informe, para o que se recolleron máis de 500 casos reais, expón que os procesos das distribuidoras xeran atrasos de meses ou mesmo anos na tramitación.
Segundo os datos colleitados, as persoas consumidoras sufriron problemas relacionados sobre todo coa solicitude do punto de acceso, a activación das instalacións e, na fase de contratación, coa comercializadora (por problemas desde a distribuidora). Os atrasos nestes puntos, a obrigación de realizar modificacións en instalacións de ligazón ou rede así como a imposición de obrigacións sen respaldo legal foron as maiores barreiras para acceder ao autoconsumo. En total, as instalacións afectadas por estes atrasos recollidas no informe suman unha potencia de 3,58 MW.
Os trámites administrativos innecesarios e a solicitude excesiva de documentos e requirimentos, que en moitas ocasións non están reflectidos na regulación, alongan e postergan os procedementos. Ademais, cada distribuidora conta con protocolos de actuación propios, algo que dificulta aínda máis o proceso. A lei esixe que as tramitacións de autoconsumo colectivo non poidan superar en ningún caso os dous meses desde a obtención do Certificado de Instalación Eléctrica, pero esto dista moito da realidade.
Ante esta situación, reclamamos figuras como a do xestor de autoconsumo (representante legal, figura xa contemplada pero non desenvolvida na normativa española e xa presente noutros países europeos) para axudar ás consumidoras nos procesos ante distribuidoras e administracións e que, ademais, é clave para facilitar a activación da flexibilidade distribuída.
Trámites interminables e atrasos na activación de excedente
O informe identifica tamén a complexidade dos trámites administrativos á hora de acceder ao autoconsumo. Para acelerar as tramitacións, propoñemos que sexan sinxelos, transparentes, e dixitais, establecendo ademais un protocolo único que poidan seguir todos as axentes implicadas.
Outra das grandes barreiras detectadas ten que ver cos atrasos na activación da compensación de excedente, que poden chegar ata os dous anos, cando a regulación marca que non deben superar os dous meses.
Unha normativa inacabada que require un maior desenvolvemento
Aínda que o autoconsumo colectivo leva catro anos regulado en España, e a pesar de que se avanzou co actual goberno con gran éxito desde a derogación do imposto ao sol en 2018, o seu marco normativo ten aínda percorrido de mellora.
Por iso, a Alianza polo Autoconsumo reclamamos aos partidos políticos que concorren ás eleccións xerais que sigan impulsando o autoconsumo e comprométanse a deseñar unha normativa que ordene, clarifique, facilite e penalice o seu incumprimento de forma decidida e contundente. Para iso, propoñemos, entre outras solucións, unha estandarización pormenorizada (protocolo) a nivel estatal que deban seguir todos os axentes implicados que sexa transparente, sinxela, racional e dixital, así como constante no tempo.
Solucionar estas barreiras normativas para defender a lei e á cidadanía por encima dos intereses das enerxéticas e para impulsar as enerxías limpas en mans da xente facilitará que os fogares españois poidan beneficiarse dun prezo máis baixo na factura da luz e que, á súa vez, as compañías instaladoras de autoconsumo poidan operar nese mercado, ata o de agora vetado.
Desde a Alianza polo Autoconsumo lanzamos o hashtag #AutoconsumoColectivoYA para denunciar esta situación e seguir recompilando as malas prácticas presentes no sector.