Este últimos catro anos foron nefastos en material de medio ambiente, ecoloxía e sustentabilidade na cidade de Ourense. Quizais os peores da democracia. Amigas da Terra é unha organización independente de partidos políticos, pero a independencia non significa equidistancia.

 

Nun contexto de emerxencia climática no que os episodios de calor extremo vanse agudizando e cronificando, non hai ningún plan en marcha, ningunha medida, ningunha proposta:

 

  • Políticas de mobilidade sustentable en retroceso: coa eliminación do control de acceso do vehículo privado ao centro histórico como primeiro fito da lexislatura.

Zonas de baixas emisións sen ser implementadas.

Ignorando os resultados do proceso participativo do Móvete por Ourense que apostaban pola pacificación do tráfico.

Unha política de transporte público errática, con propostas de novas liñas de autobuses para marear a perdiz sen mellorar de forma substancial o sistema de transporte público e empuxando a cidadanía ao uso do coche.

Ou a eliminación sistemática das zonas de aparcamento para bicicletas.

  • En materia de residuos, o caos: Os contedores soterrados que seguen pechados, sen funcionar e sen solución outros catro anos máis. Contedores mal etiquetados, provisionais dende hai un lustro. Rúas recen urbanizadas cun sistema de recollida selectiva obsoleto e mal dimensionado.

Sen un plan para a recollida da materia orgánica separada como obriga a lei dende o pasado mes de xuño de 2022. Co agravante de que Ourense dispón dunha planta de compostaxe de titularidade municipal á que lle dan as costas.

  • As zonas verdes en retroceso e descoidadas: As políticas arboricidas nas rúas e parques como na rúa Bedoya, Concordia, Valle Inclán, estrada de Castadón e Universidade Laboral entre outras.

  • O rio Barbaña sometido aos constantes vertidos da depuradora de San Cibrao das Viñas que segue sen funcionar.
  • E como non , a falta de participación e transparencia en todos os asuntos medioambientais, e non medioambientais.

 

E todo isto sen falar das malas formas, das ocorrencias, dos insultos ao resto de forzas vivas da cidade ou da corrupción.

 

Hai catro anos todas puidemos ver como o Partido Popular daba o concello a Jácome a cambio da deputación nun acordo que hipotecaba en material ambiental a cidade. Un acordo infame e vergoñento.

 

Hoxe son tres os partidos que van a permitir a continuidade destas políticas e que polo tanto serán responsables.

 

Pensamos que Ourense merece que non continuemos por esta senda catro anos máis.

Unha situación excepcional require de persoas excepcionais facendo cousas excepcionais.

 

Por todo isto,

dende Amigas da Terra facemos un chamamento as forzas políticas con representación no concello despois das últimas eleccións para atopar unha fórmula na que non continúen estas políticas. Apelamos a responsabilidade, coa firme convicción de que do que se faga agora a cidadanía tomará boa nota.

 

A cidade ten enormes retos en materia de políticas ambientais. Accións decididas destinadas a paliar a crise climática, a pacificación do tráfico, na procura do residuo cero, a loitar contra o cambio climático e os episodios de calor extremos, con máis zonas verdes.

 

Pero sobre todo precisa non seguir retrocedendo.