Amigos da Terra e AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) comparten dende setembro de 2010 sede social en Vigo, dende a que desenvolven proxectos de solidariedade, comunicación, sensibilización e cooperación medioambiental.

Esta oficina é froito dun convenio de colaboración asinado entra as dúas ONGD’s co fin de mellorar e incrementar a súa capacidade de xestión en temas de cooperación ambiental e comunicación, e conta co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, través de Cooperación Galega.

Amigos da Terra e Agareso tomaron a decisión de xuntarse para compartir recursos e duplicar os resultados nas tarefas que ambas as dúas desempeñan. Con esta decisión, ambas organizacións pretenden deseñar e xestionar estratexias de comunicación destinadas á sensibilización da sociedade galega acerca dos proxectos de cooperación realizados dende Galicia con impacto nos países do Sur e a visibilización desta realidade con especial incidencia no eido medioambiental.

Con esta sede, as dúas organizacións aúnanse para compartir recursos e duplicar os seus resultados, ao mesmo tempo que loitan por romper o tópico da competitividade entre as ONGD. Amigos da Terra e AGARESO predican co exemplo, traballando para achegar á cidadanía cuestións de solidariedade que non chegan ao gran público, servindo como enlace entre a veciñanza da cidade olívica e os problemas medioambientais. Ademais, a poboación viguesa poderá coñecer beneficios do traballo desprendido dos proxectos de cooperación realizados polas ONGD cos colectivos máis desfavorecidos.