Amigos de la Tierra organiza o primeiro Festival pola Enerxía Comunitaria ‘Tomemos la Energía’ o próximo 10 de xuño na localidade turolense de Alcorisa. Búscase concienciar á poboación sobre a necesidade de crear comunidades enerxéticas como alternativa ao sistema enerxético actual en mans de grandes empresas. O Concello, sito na praza dos arcos, o parque do lago e a sala polivalente do centro cultural serán os escenarios principais para este día lúdico-reivindicativo.

Coa celebración desta xornada con formato de festival quérese crear un espazo para compartir, informar e formar acerca das comunidades enerxéticas, as súas vantaxes e obstáculos. Ademais, contará coa participación de comunidades enerxéticas de diferentes territorios que explicarán a súa experiencia e darán claves sobre as súas iniciativas, así como movementos da rexión que están a reclamar os seus dereitos fronte ás grandes empresas enerxéticas.

Amigos de la Tierra, conta con diversos grupos locais, entre eles o situado en Aragón, que está en contacto con diferentes colectivos que forman parte do tecido social da localidade turolense de Alcorisa, como a Asociación AMAS Rurais e a Plataforma en Defensa das Paisaxes de Teruel. O mundo rural é unha parte indispensable da transformación social e ambiental que necesitamos; e Alcorisa atópase nun territorio historicamente vinculado á xeración de enerxía. Esta vez queremos que se vincule á soberanía enerxética: a enerxía comunitaria é unha ferramenta clave para tecer redes e buscar solucións a diferentes impactos ambientais que ameazan aos territorios.

O festival terá lugar nun ambiente lúdico que comezará á 11 h da mañá cun concerto do grupo Muro Kvartet para dar paso, posteriormente, a unha presentación sobre a enerxía comunitaria a cargo de Amigos de la Tierra. En horario de mañá tamén haberá un coloquio sobre transición enerxética xusta.

As actividades continuarán pola tarde con varios concertos de María Ruiz, Bewis de la Rosa e a DJ Bárbara Gartland na praza do Concello. Ademais, impartirase un obradoiro creativo dirixido a familias, outro de artivismo téxtil e un cinefórum enfocado a persoas interesadas en coñecer un pouco máis acerca do proceso para impulsar comunidades enerxéticas.

A asistencia e participación nos diferentes actos do festival é totalmente gratuíta, pero será necesario inscribirse a través da páxina web do festival. Unicamente será necesario o pago do tíquet de comida para a paella comunitaria. Ademais, desde o Concello xa se están preparando alternativas para quen decida pasar a noite en Alcorisa en espazos para acampar como o polideportivo municipal ou aparcadoiros para caravanas.

Desde Amigas da Terra animámosvos a asistir ao encontro, nun contexto de crise climática, enerxética e ecolóxica é indispensable xuntarnos e coñecer as alternativas que temos ao noso alcance. E propoñémosvos facelo nun ambiente distendido, lúdico, festivo, con concertos, charlas e obradoiros, que nos permitan celebrar as solucións e poñelas en marcha de forma conxunta, favorecendo un mundo rural comunitario vivo.