As familias das zonas costeiras de Chinandega viven do cultivo de pargos lunarejos en gaiolas flotantes sobre estero, e de camarón artesanal, así como da agricultura, a gandería, ou o traballo como xornaleiros/as.
Os altos custos en infraestrutura, insumos, alimento, equipos de vixilancia, e a redución de poboacións das especies, impiden que as/os acuicultores/as dos municipios de El Viejo e Somotillo, alcancen mellores niveis de produción e comercialización.
Para dar resposta ás necesidades do sector acuícola, Amigos da Terra e Fundación Luchadores Integrados para el Desarrollo de la Región (LIDER), están a acompañar a 12 cooperativas para contribuír ao desenvolvemento económico, social e ambiental das súas familias, cun proxecto financiado por Cooperación Galega.
Unha das principais accións que están a realizar é capacitalos no manexo adecuado das súas granxas a través da vixilancia da calidade de auga nas gaiolas e pilas, para medir a temperatura, o pH, a salinidade, o osíxeno disolto e o amonio.
A transferencia de coñecementos foi liderada por Fundación LIDER, a través de intercambios de experiencias entre as mulleres monitoras de calidade de auga de granxas de pargo e produtores e produtoras de camarón e peixes de auga doce. As monitoras formáronse coa Universidad Nacional Autónoma de Nicaragua, León (UNAN-León).
“Realizamos dúas sesións de adestramento teórico práctico sobre o uso, manexo e calibración de equipos de vixilancia de calidade de auga, para que aprendan en que momento van tomar as mostras para os análises da auga das pilas”, dixo Eduin Paniagua, coordinador técnico de Fundación LIDER.
Os especialistas sinalan que a vixilancia de calidade de auga nas pilas e gaiolas permite identificar os niveis adecuados de osíxeno e de amonio, e as temperaturas medias, é dicir, as condicións óptimas para alimentar aos peixes e camaróns. Canto menos estrés teñan ambas as especies, mellor será a conversión de alimento – peso dos peixes.
“Non poden alimentar aos camaróns na mañá porque os niveis de osíxeno son moi baixos, non van comer e poden ocasionar unha eutrofización (proliferación de certas algas) no ecosistema”, explicou Paniagua.
O rexistro dos parámetros fisicoquímicos permite crear unha táboa de nutrición coas horas máis adecuadas para alimentar as especies. Así mesmo, a vixilancia constante permite tomar medidas correctivas como o recambio de auga con marea ou bombeo, para elevar os niveis de osíxeno.
A súa cooperativa realiza dous ciclos produtivos entre abril e novembro, logrando producir entre 20 e 24 mil libras de camarón por ciclo.
Un dos principais problemas é o alto custo da obtención da larva. Cando non logran reunir para a compra de larva de laboratorio, recorren á captura no estero, o que lles toma unhas 5 semanas para encher as pilas.
Con fondos da Xunta de Galicia, equipouse ás cooperativas con refractómetros para medir a calidade de auga, equipo de bombeo para os estanques, cinco millóns de larvas de camarón, alimento para o crecemento e engorde do camarón e insumos para o control de enfermidades.
Ambas as organizacións en coordinación coas municipalidades de Somotillo e El Viejo, o Ministerio de Economía Familiar, Comunitaria, Cooperativa y Asociativa (MEFCCA), o Instituto Nicaragüense de la Pesca y la Acuicultura (INPESCA) e o Ministerio del Ambiente y los Recursos Naturales (MARENA), están a beneficiar a 286 produtoras e produtores de camaróns, peixes mariños, peixes de auga doce e de alimentos para peixes mariños.
Nos próximos meses realizarán un estudo sobre os parámetros físico químicos e bacteriolóxicos nas camaroneiras artesanais e un mapa dos esteros coas condicións de calidade de auga presentes. Tamén se seleccionará o mellor método de control de enfermidades de camaróns.