Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF identificamos no documento “Eu apoio a casa común” oito casos que mostran o nulo interese e coidado pola saúde do planeta e expoñen desenvolvementos alternativos.

As entidades ecoloxistas retamos aos representantes políticos a mostrar se teñen un interese real en defender o ben común que supón o planeta Terra.

 

O sábado 22 de abril celébrase o Día da Terra, nomeado pola ONU desde 1970, converténdose no primeiro fito ambiental do planeta. Este ano, e na antesala das eleccións autonómicas e municipais, as cinco organizacións estatais en defensa do medio ambiente presentamos a campaña “Eu apoio a casa común”, con casos concretos que expoñen se hai compromiso real para a protección da biodiversidade.

Nunhas eleccións decídese sobre o común, aquelo que afecta a todas as persoas: a saúde, a calidade de vida ou a contorna que habitan. Espérase que as candidaturas dean resposta aos problemas do día a día: o traballo, as vagas de calor, o transporte, o acceso aos servizos públicos, o abandono rural e a falta de oportunidades que padece, a alimentación ou as desigualdades sociais. A aspiración é que as administracións públicas exerzan políticas reais que aborden estas preocupacións, indo máis lonxe que os simples tópicos electorais.

Os grupos ecoloxistas traballamos para coidar a casa común, a Terra: o espazo de coexistencia, o territorio onde se convive, trabállase, gózase ou se soña. A humanidade depende da casa común para a subsistencia e, por iso, preocupa tanto a degradación da natureza como a enorme vulnerabilidade social existente. Estes problemas están conectados e requiren solucións conxuntas. Neste momento de crise, coidar do territorio e da súa natureza é coidar o emprego, a auga, a saúde, a calidade de vida. Supón o coidado das persoas, necesario para corrixir os desequilibrios ambientais e sociais, para velar polo ben colectivo, para fortalecer a democracia.

Por iso e para contribuír a unha campaña electoral afastada de promesas baleiras, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF identificamos oito casos que mostran nulo interese e coidado pola saúde do planeta: a unión de estacións de esquí no Pirineo Aragonés, a derogación de Madrid Central, a contaminación do Mar Menor, unhas Táboas de Daimiel ao bordo do colapso hídrico, as toxinas emitidas pola incineradora de Valdemingómez, a regasificadora do Musel, a desprotección do arquipélago Chinijo e a implantación de renovables sen planificación nin zonificación vinculante no territorio.

Trátase de casos paradigmáticos de territorios diferentes vinculados a tópicos e promesas electorais que se escoitarán moitas veces nesta campaña electoral. Fronte a eles, presentamos propostas que servirían para reverter de forma real o coidado das persoas e do medio ambiente e eliminar a vulnerabilidade social.

O coidado da Terra vai máis aló do que pasa nun municipio ou nunha comunidade autónoma, pero empeza a construírse aí, sobre o terreo. De feito, no Estado español as comunidades autónomas e os concellos teñen gran parte das competencias sobre cuestións tan importantes como a xestión dos residuos, da auga, dos espazos e especies naturais, da calidade da alimentación e do transporte e, con iso, unha moi boa parte dos asuntos que poden contribuír a atallar a crise ecolóxica e social que vivimos.

En palabras de Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF: “É hora de apoiar a casa común”.

Documento ‘Eu apoio a casa común’