Presentamos a publicación “O Atlas dos pesticidas”, onde mostra que o uso de pesticidas aumentou nun 80 por cento desde 1990 en todo o mundo.
A Unión Europea é un dos mercados de pesticidas máis grandes a nivel mundial con case unha cuarta parte de toda a súa venda na UE. En concreto, España é o país da UE que utilizou máis pesticidas en 2020 con 75.774 toneladas.
A Unión Europea debe aprobar un novo Regulamento sobre o uso de agrotóxicos, no que España pode ter un papel clave durante a presidencia rotatoria da UE.
Dende Amigas da Terra lanzamos a investigación “O Atlas dos pesticidas”, xunto á fundación Heinrich-Böll-Stiftung e a Rede Europea contra os pesticidas, onde sinala que o uso de pesticidas incrementouse un 80 por cento en todo o mundo desde 1990, con graves danos na saúde das persoas agricultoras e consumidoras, así como nos ecosistemas.
Aumenta o uso de pesticidas
Segundo a devandita publicación, o mercado mundial de pesticidas practicamente duplicouse nos últimos 20 anos. Para 2023, espérase que o valor total de todos os químicos utilizados alcance case os 130.700 millóns de dólares estadounidenses. Un negocio no que está inmersa a Unión Europea, un dos mercados de pesticidas máis grandes que acapara case unha cuarta parte de todos os praguicidas a nivel global. Na clasificación de países europeos é España quen se pon á cabeza co uso de 75.774 toneladas de pesticidas en 2020.
Intoxicación por pesticidas no Sur Global
A Unión Europea é á súa vez a principal rexión exportadora, coa venda de pesticidas actualmente prohibidos na rexión. En 2018, as empresas agroquímicas europeas planificaron exportar 81.000 toneladas de pesticidas prohibidos nos seus propios campos.
A crecente cantidade de pesticidas, incluídos os prohibidos na UE polo seu alto perigo, conduce a un aumento das intoxicacións en todo o mundo, especialmente no Sur Global, onde agricultores e agricultoras non están suficientemente protexidos. Segundo cálculos conservadores, danse ao redor de 255 millóns de envelenamentos en Asia, algo máis de 100 millóns en África e ao redor de 1,6 millóns en Europa.
O caso do Brasil resulta significativo. Durante o goberno de Bolsonaro, rexistrouse un número récord de envelenamentos por pesticidas, vinculados a plantacións de soia, as cales aumentarían co acordo comercial UE-Mercosur. Polo menos 14.000 persoas intoxicáronse e 439 faleceron. Incluso o goberno brasileiro suxire que a cifra real pode ser ata 50 veces maior.
Catro multinacionais divídense o negocio
Só un número moi pequeno de multinacionais do Norte Global divídense o mercado multimillonario. As catro principais empresas (Syngenta Group, Bayer, Corteva e BASF) controlan ao redor do 70% do mercado mundial de pesticidas.
Os pesticidas son os asasinos silenciosos da biodiversidade. Os campos convencionais xestionados con agrotóxicos teñen menos diversidade de plantas, 5 veces menos que os cultivos ecolóxicos, e unhas 20 veces menos especies polinizadoras.
A evidencia científica é contundente sobre como o sistema agroalimentario actual, baseado no uso intensivo de produtos químicos velenosos, está a fallar gravemente ás persoas agricultoras e consumidoras. A UE non pode seguir pechando os ollos ante o comercio cada vez máis tóxico da agroindustria e, en cambio, debe escoitar á cidadanía. Europa debe repensar a súa produción de alimentos, orientala cara á agroecoloxía e finalmente poñernos no camiño cara a unha agricultura libre de pesticidas.
Regulamento europeo en barbeito
A pesar das probas sobre os prexuízos para a saúde e o medio ambiente, a UE segue incrementando o uso de pesticidas, e os seus regulamentos vense retardados pola oposición dalgúns países. En xuño de 2022, a Comisión Europea adoptou unha proposta de novo Regulamento sobre o uso sostible dos praguicidas, o cal inclúe obxectivos vinculantes para reducir nun 50% o uso dos pesticidas de síntese química de aquí a 2030. Á súa vez, admitiuse a trámite a Iniciativa Europea Cidadá “Salvar ás abellas e aos agricultores” que demanda eliminar gradualmente os pesticidas de aquí a 2035.
Desda Amigas da Terra instamos a España a desempeñar un papel clave para garantir a aprobación do regulamento durante a Presidencia rotatoria da UE a partir de xullo.