Amigas da Terra pertence á Alianza Global por Alternativas á Incineración, GAIA, é unha rede de grupos de base e alianzas nacionais e rexionais que representan a máis de 1000 organizacións de 92 países, que traballamos construíndo un futuro onde protexamos a natureza en lugar de transformala en lixo. Dende esta rede, traballamos para cambiar prácticas persoais e colectivas a través da educación popular, organización comunitaria, implementación de sistemas residuo cero e a promoción de políticas públicas a nivel local, nacional e internacional.
Con satisfacción decatámonos da decisión de Nacións Unidas de proclamar o 30 de marzo como o Día Mundial Residuo Cero. O recoñecemento da relevancia deste enfoque é o reflexo de máis de dúas décadas de activismo socioambiental liderado por organizacións de todo o mundo que traballan de xeito conxunto coas comunidades máis afectadas pola inxustiza ambiental e social provocada polo sistema global de produción que extrae natureza para fabricar bens de consumo masivo que se terminan transformando en lixo.
Nun día como hoxe queremos reiterar que Residuo cero é a conservación da natureza mediante a produción, o consumo, a reutilización e a recuperación responsables de produtos, envases e materiais sen queimalos e sen descargalos ao chan, á auga ou ao aire, para que non ameacen o medio ambiente nin a saúde humana.
Como organizacións na primeira liña dos principios e estratexias residuo cero, queremos salientar que todo programa que use este termo debe manter o foco primordialmente en reducir e previr a xeración de lixo. A nivel global e local, isto lograrémolo mediante as seguintes accións:
* Investir prioritariamente os recursos na prevención da xeración e a disposición final do lixo, e establecer políticas que así o mandaten.
* Restrinxir ao mínimo os produtos refugables e buscar a forma de substituílos por produtos durables e reutilizables.
* Desenvolver formas de distribución de produtos sen o uso de envases refugables, en envases de materiais fáciles e seguros de reciclar ou reinserir en ciclos biolóxicos (devolvéndoos ao chan como nutrientes) ao final dunha longa vida útil.
* Transformar o sistema produtivo para que se fabriquen só produtos con durabilidade garantida, reparables, realmente necesarios, e de materiais biodegradables ou reciclables de maneira segura.
* Promover o desenvolvemento de economías locais que acurten as distancias entre quen produce e quen consome, favorecendo o uso de envases retornables e lavables e a venda de produtos a granel.
* Recuperar a soberanía alimentaria dos pobos, cultivando alimentos sans e libres de tóxicos para alimentar e non só para lucrar, reducindo ao mínimo o desperdicio de alimentos e redistribuíndo os excedentes de comida antes de que perdan as súas calidades nutritivas.
* Cando se xeren residuos reciclables, estes deben ser xestionados de forma local, e preferentemente por agrupacións ou cooperativas de recicladoras e recicladores de base cando estas existan.
* Recoñecer o rol e a contribución das e os recicladores de base en todo o sistema de manexo de residuos, provéndolles os medios para realizar o seu traballo de maneira segura e digna.
* Evitar ao máximo o uso de fibras sintéticas na fabricación de roupa e téxtiles, recoñecendo os danos que xera a sobreproducción de roupa a través de estratexias comerciais como o “fast fashion”.
* Deter a exportación de lixo cando esta perpetúa o colonialismo, as inxustizas e a inequidad.
* Eliminar a incineración do lixo -en calquera das súas formas- dos programas de xestión de residuos.
En resumo, Residuo cero significa extraer da natureza só o que necesitamos, asegurando que todas as comunidades poidan florecer, e sen exceder os límites planetarios para rexenerar o que tomamos e absorber o que devolvemos.
Facemos un chamado aos gobernos do mundo, e á Organización de Nacións Unidas a promover e adoptar estas estratexias, para comezar a reparar a relación da humanidade co planeta, recuperando a viabilidade das nosas sociedades nun momento de profundas e múltiples crises ambientais. Alcanzar a suficiencia, resiliencia e o benestar para todas as persoas que habitamos o planeta, é fundamental para iso.
As organizacións que asinamos esta declaración profundaremos os nosos esforzos traballando con máis entusiasmo pola implementación de iniciativas residuo cero en todos os recunchos do planeta. Dispoñeremos todas as nosas ferramentas cidadás de educación popular e incidencia en políticas públicas, para facer xustiza ás comunidades que hoxe cargan co peso dos impactos da disposición final do lixo, da extracción de materia prima virxe e dos procesos industriais de manufactura, e sobre todo para facer xustiza á natureza, pois sen ela non hai futuro desexable para a humanidade.