Hora_del_Planeta_Peru_2011

Amigos da Terra súmase á campaña de WWF “A Hora do Planeta”, unha chamada á acción contra o cambio climático, que terá lugar este sábado 26 de marzo, de 20:30 a 21:30 horas, e denuncia que Vigo e a única cidade galega que non se uniu a esta iniciativa.

“A Hora do Planeta” é unha iniciativa global de WWF onde os individuos, comunidades, organizacións, empresas e gobernos  de todo o mundo apagan as súas luces durante unha hora para votar a favor da acción sobre o cambio climático. Ao apagar os seus interruptores de luz, os participantes de  “A Hora do Planeta” envían unha poderosa mensaxe visual aos seus dirixentes esixindo accións inmediatas contra o cambio climático.

Con esta iniciativa, preténdese acadar o compromiso dun cambio global en beneficio do medio ambiente ante o inminente remate da vixencia do protocolo de Kyoto, en 2012, sen que, despois do fracaso do cumio de Copenhague haxa un novo pacto medioambiental mundial. A crise árabe co conseguinte incremento do prezo do petróleo revelou como nunca a necesidade dun cambio no modelo enerxético no que todos sexamos máis responsables. Boa parte das esperanzas están postas no próximo cumio ambiental de Durban (Sudáfrica).

Estes argumentos lograron comprometer aos gobernos de todas as grandes cidades para realizar un apagón en edificios públicos á hora fixada e para amosar o seu respaldo á iniciativa a excepción de Vigo. Amigos da Terra denuncia esta falta de compromiso, sobre todo, tendo en conta que se trata da urbe máis grande de Galicia e, polo tanto, da que ten maior consumo enerxético.


A ausencia viguesa é, ademais, reprochable tendo en conta que o seu alcalde, Abel Caballero, é o presidente da Rede Española de Cidades polo Clima da FEMP e de que este ano a iniciativa non ten só o respaldo de grupos sociais e veciñais, senón tamén dun elevado número de grupos ecoloxistas polo delicado momento que se está a vivir no planeta con situacións como os riscos nucleares de Xapón, que volveron levar á axenda informativa o debate sobre as centrais nucleares e a enerxía.

APAGA A LUZ, ACENDE O PLANETA

Máis información sobre a campaña