No Día Mundial dos Bosques, Amigos da Terra reivindica que para protexer o Amazonas é necesario rexeitar o Acordo Comercial UE-Mercosur 

É posible que a Amazonia alcanzase un punto irreversible con profundas consecuencias para a biodiversidade. O 26% dos bosques do Amazonas presenta sinais de degradación e deforestación e un 20% xa sufriu perdas irreversibles

No Día mundial dos Bosques, 21 de marzo, denunciamos a degradación que supoñerá o Acordo Comercial UE-Mercosur nos bosques do Amazonas. Desde a organización presentamos un breve informe no que expoñemos que a única forma de protexer a selva amazónica é rexeitar o acordo, de non ser así a UE promoverá a agricultura e gandería industrial na rexión o que agravará a crise climática e a deforestación, así como as violacións de dereitos humanos.

Nos últimos meses a Comisión Europea resucitou este acordo comercial a ambos os dous lados do Atlántico con promesas de salvagardas ambientais que en ningún caso resolverán os problemas que supoñen os agronegocios. A agricultura intensiva, alimentada polos acordos comerciais, depende da sobre-explotación de terras e recursos naturais como a auga e a enerxía.

A Unión Europea continúa premendo por un acordo de libre comercio co Mercosur, que só aumentará a presión nos ecosistemas da rexión. O Goberno de España, que é un dos máximos impulsores deste acordo, asumirá a presidencia rotatoria do Consello Europeo o 1 de xullo e ten na súa axenda política poder ratificalo no cume de líderes da Unión Europea e da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeño (CELAC) que terá lugar os días 17 e 18 de xullo en Bruxelas.

O acordo é incompatible coa recuperación dos bosques do Amazonas. É probable que a destrución á que se ven sometidos estes ecosistemas alcanzase un punto irreversible con profundas consecuencias para a biodiversidade, os sumidoiros de carbono e a subsistencia das comunidades. O 26% dos bosques presenta sinais de degradación e deforestación, mentres que un 20% xa sufriu perdas irreversibles e outros 6% están extremadamente degradados.

O Cerrado”, a sabana con máis biodiversidade do planeta, é onde ocorre a maior parte da deforestación relacionada á soia que vai á Unión Europea, un 65% do total. De feito, a deforestación aumentou un 25% entre agosto de 2021 e xullo de 2022, en relación ao mesmo período do ano anterior.

As investigacións estiman que un 20% das exportacións de soia e polo menos un 17% das exportacións de carne bovina oriúndas da rexión do “Cerrado” e da Amazonia e que van á UE poden estar contaminadas con deforestación ilegal. A Unión Europea non pode seguir sendo cómplice desta destrución. Mentres está a establecer o regulamento de deforestación importada con criterios de sustentabilidade, doutra banda pretende relanzar o acordo comercial que agravará os problemas de deforestación. Non é posible xogar a dúas bandas e contradicirse a cada paso no canto de apostar por un modelo agroecolóxico que protexa os ecosistemas e defenda os dereitos humanos.

A ratificación do acordo fará tamén perigar a agricultura e gandería campesiña no noso país do mesmo xeito que na rexión de Mercosur. Neste sentido o Panel Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) alertou en reiteradas ocasións sobre a necesidade urxente de transitar cara a un modelo agroecolóxico con prácticas agrícolas e gandeiras respectuosas cos ecosistemas, o modelo que debería implantarse en ambas as rexións, no canto de promover a degradación de ecosistemas.

Para que esta transición ocorra é necesario abandonar o Acordo comercial entre a UE e Mercosur e aliñar a política comercial á acción climática efectiva e á defensa dos dereitos humanos.