Ante a actual crise dos prezos dos alimentos é importante que se aproben medidas políticas que garantan a medio e longo o acceso a unha alimentación sa e unha sustentabilidade de todo o modelo agroalimentario. Con este obxectivo, 20 organizacións acabamos de presentar ao Goberno un decálogo de demandas que promovan un sistema agroalimentario máis xusto e piden que se teña máis en conta ás organizacións da sociedade civil fronte á industria á hora de desenvolver as políticas.
A situación actual afecta á economía das persoas e mesmo ao propio acceso aos alimentos daquelas máis vulnerables. As medidas a curto prazo como a baixada do IVE non son suficientes e non resolven o problema: mentres que o prezo da cesta da compra segue aumentando, os custos de produción tamén afogan cada vez máis á produción agroecolóxica familiar. Podemos afirmar que existe un fráxil equilibrio entre a provisión de recursos e alimentos para o noso consumo, a defensa do territorio e que as persoas que o habitan e traballan dispoñan dunhas condicións dignas de vida.
Valoramos as accións de carácter máis urxentes, pero a medio prazo consideramos que segue sendo necesario implementar medidas que garantan ao mesmo tempo o acceso a todas as persoas consumidoras a unha alimentación saudable e sostible.
O decálogo de medidas que as organizacións presentamos ao goberno é froito do traballo conxunto de preto de 100 persoas vinculadas ao mundo rural, a produción e o consumo de alimentos, a soberanía alimentaria e a saúde que nos reunimos a finais de ano en Jaca (Huesca) para debater sobre iniciativas en común. Foi un espazo para falar do futuro, a agricultura, a gandería, do medio rural, tamén desde o territorio e desde o dereito a unha alimentación sa para toda a poboación. A esta demanda conxunta incorporáronse tamén organizacións vinculadas á saúde pública, como a Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria. Á falar da produción e consumo de alimentos é necesario poñer de manifesto como converxen eixos de desigualdade entre o ámbito rural, a saúde das mulleres, a inmigración e cobra todo o sentido traballar desde a saúde pública con estas relacións.

As 10 medidas que se piden ao goberno para garantir un modelo agroalimentario xusto e sostible e un mundo rural vivo, teñen como puntos principais:
- Garantir o dereito á alimentación de toda a poboación, especialmente dos colectivos vulnerabilizados.
- Un sistema alimentario que garanta prezos xustos para as persoas produtoras, consumidoras e traballadoras.
- Un modelo de produción de alimentos que respecte os dereitos laborais e sociais.
- Un modelo de produción de alimentos baseado na agroecoloxía.
- Apostar por modelos gandeiros familiares e sostibles e rexeitamento da gandería industrial.
- Fomento desde as institucións de alimentación agroecolóxica a través da compra pública.
- Defensa do territorio rural fronte á expansión das macrogranxas, minería ou macroproxectos de enerxía solar e eólica.
- Contornas sociais, de produción e consumo inclusivos con perspectiva feminista.
- Defensa de servizos públicos e de calidade no medio rural.
- Fomento das contornas alimentarias sostibles.
As organizacións asinantes esperamos que estas demandas sexan tidas en conta por parte das administracións públicas e reclamamos ser tidas en conta na planificación e desenvolvemento de estratexias vinculadas á alimentación e protección do mundo rural. Por este motivo, solicitamos reunións ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Ministerio de Agricultura, Pesca e alimentación e ao Ministerio de Consumo.