Amigos da Terra mantivo unha reunión co Director Xeral de montes da Consellería do Medio Rural quen asegurou que os casos de maltrato animal por inmobilización mediante trancas ou cepos, quedará erradicado co citado decreto.
A norma, que se espera saia publicada o vindeiro mes de setembro, regulará o rexistro e ordenación dos equinos de explotacións gandeiras e tamén aos salvaxes que se crían de modo extensivo nos montes galegos e obrigará a que estes posúan a súa correspondente identificación mediante microchip.
As denuncias sucédense dende o colectivo ecoloxista que, con posterioridade ao envío do escrito á Fiscalía de Pontevedra pola detección de cabalos con cepos e trancas de madeira, sucédense novos casos nos montes pontevedreses.
Fonte: Amigos da Terra. Xuño 2008

Dende Amigos da Terra insístese na necesaria colaboración dos veciños quen poden acreditar a propiedade dos equipos e facilitarlle o nome ou outros datos ao Servizo de Protección da Natureza quen debe dar apertura á investigación tendente a clarificar quen é o autor material destes casos de maltrato animal e abrir expediente sancionador.

En base a moitas das denuncias que sobre este tema tramitou Amigos da Terra, a Consellería de Medio Ambiente puxo en marcha o dispositivo de tramitación de expedientes sancionadores, aínda que a contía da multa pola que se sanciona ao maltratador segue a ser unha contía tan feble que non cumpre a función disuasoria na maioría dos casos, polo que os donos maltratadores dos cabalos, volven reincidir.
Polo tanto, a función educativa que a administración galega debe promocionar, non resulta efectiva. Será necesario un cambio de ferramentas didácticas que tendan á educación e concienciación da cidadanía respecto á erradicación do maltrato animal, aspecto ao que parece que as Consellerías non outorgan suficiente importancia.
Neste senso, sinalar e resaltar que continua a falta de publicación da Lei de Protección de Animais para Galicia polo que a situación e protección legal dos animais no país, segue a xestionarse pola lei de 1993, norma que non reflicte a situación real de Galicia e non da cobertura á protección e defensa dos dereitos animais, tal e como se espera dun texto desta índole.