lavozO pasado luns produciuse un vertido ao río Xuvia, en Narón. Amigos da Terra dirixiu un escrito a Augas de Galicia para que impoña as correspondentes sancións aos responsables do vertido ao considerar que hai unha responsabilidade compartida pola empresa mixta Emafesa e os individuos que desmontaron as bobinas de cobre provocando o vertido de produtos oleosos.

 

Foto: La Voz de Galicia

 

Así mesmo, a asociación non desbota presentar un escrito á Fiscalía da Audiencia Provincial de A Coruña por un accidente ecolóxico que se podería prever se a empresa fora o suficientemente coidadosa coas súas instalacións.

 

Os feitos acaecidos sobre o río Xuvia estran no regulado pola lei de responsabilidade ambiental que promove o principio “Quen contamina, paga”, e que prevé a necesidade de que os operadores titulares de instalacións que ameazan o medio ambiente, executen medidas para evitar casos como o acontecido. Segundo esta lei, ademais de responsabilidades administrativas polas que se puideran impór cuantiosas sancións económicas, poderían existir responsabilidades penais por danos ao medio ambiente e a posta en serio perigo da saúde das persoas.

 

Desde o departamento xurídico de Amigos da Terra solicítase ademais que se faga un informe de avaliación ambiental do río logo do vertido, para coñecer as consecuencias do mesmo e coñecer que medidas correctoras se van a levar a cabo xa que neste momento é de vital importancia executar un plan de restauración ambiental para tratar de devolver o río Xuvia ao seu estado orixinario.

 

Para Amigos da Terra é un claro caso de dobre responsabilidade: dun lado, a empresa pola falta de dilixencia sobre unhas instalacións da súa propiedade, en desuso e sen contar coas correspondentes medidas para evitar casos como o acontecido, e doutro, a responsabilidade dos ladróns das bobinas de cobre que, aínda non existindo dolo sobre a vertedura acaecida sobre o río, son responsables ao arrancar as bobinas e producir, polo tanto, o derramo de aceite que serve para refrixerar o circuito eléctrico e outros líquidos oleosos que remataron no cauce do río.