Nestas festas, o sobreconsumo adoita ser o leitmotiv de todos os días, comida, tecnoloxía, roupa, xoguetes, máis e máis agasallos…, pero que pasa co resto do ano? É que non hai sobreconsumo?, queda todo no Nadal? A resposta é sinxela. O sobreconsumo ao que nos incitan as grandes marcas está en cada recuncho da nosa vida. Non paramos de consumir de forma desproporcionada. Tanto que en Europa e en España xa superamos o límite da nosa capacidade, o que quere dicir que necesitamos máis de dous planetas para manter o noso estilo de vida.

Ti e eu témolo claro, pero sempre están os cuñados de quenda que defenden o modelo económico contra vento e marea, algo tamén moi típico nestas datas. Así que hoxe lanzamos esta web de “sobreconsumo” para chamar a atención sobre o tema e botarche unha man na ardua tarefa de deixarlles sen palabras. Na mesma atoparas uns datos moi zumarentos para combater calquera tipo de negacionismo nas túas comidas do Nadal.

Necesitamos reformularnos o modelo de produción e consumo

Vivimos nunha sociedade de consumo baseada no crecemento continuo. O sistema actual extrae recursos naturais, produce, consome e desperdicia como nunca antes viramos. Pero o sobreconsumo veu para quedarse? O certo é que está moi afianzado no noso modelo de vida e parece complicado escapar do mesmo, pero non nos/nos enganamos é irreal, unha forma de comportarse totalmente inviable que está a consumir o noso planeta e pon en perigo a vida de millóns de persoas. E é que o consumo e os recursos naturais non se reparten da mesma forma, mentres algunhas persoas teñen que decrecer, é necesario que outras crezan para garantir unha vida digna.

É certo que cada cal na súa casa pode optar por levar unha vida máis sostible, organizar unhas festas máis verdes, con menos agasallos materiais e menos desperdicio. Con todo, non é aí onde temos que poñer o foco ou, desde logo, non só aí. Se queremos vivir nun mundo máis equitativo para todas as persoas que tamén teña en conta os ecosistemas e as vidas que os habitan, é necesario reformularnos o modelo económico que rexe as nosas vidas.

Datos anti cuñadismos para darlle a volta ao sistema

A xente e os países que menos consomen son os que sofren os peores impactos da crise climática, principalmente as mulleres, os pobos indíxenas e outros colectivos vulnerables. Por exemplo, cerca do 90% das mortes relacionadas coa contaminación atmosférica ocorre en países con salarios baixos e medios, moitas delas debido ás actividades industriais que alimentan o sobreconsumo de Occidente. 

A ciencia dinos que non seremos capaces de separar o crecemento económico dos impactos sociais e ambientais. Necesitamos reiniciar a economía e deixar atrás a obsesión polo crecemento. A extracción e o procesamento de materias, combustibles e comida representan ao redor da metade de todas as emisións climáticas. Son responsables de máis do 90% da perda de biodiversidade e a falta de auga potable.

Necesitamos reducir a produción e o consumo, necesitamos decrecer, e isto conleva a redistribución dos recursos. Para reducir a pobreza é esencial reducir a riqueza, só así lograremos unha repartición xusta e equitativa de recursos naturais que cubra as necesidades da poboación.