factora_vulcano

Amigos da Terra comprobou que o contorno da factoría Vulcano, en Guixar, convértese con frecuencia nun campo de tiro nocturno, no que grupos de mozos e mozas armados con escopetas e pistolas de aire comprimido dedícanse a esnaquizar a tiros todo o que se move (gatos da rúa, paxaros), e montan improvisadas “galerías de tiro” para disparar a calquera obxecto.

Tras recibir varios avisos de veciños da zona, atopamos no día de onte, probas que confirman a existencia deste improvisado e ilegal campo de tiro (gatos mortos con sinais de disparos, latas e outros obxectos furados polos balíns, etc).

Dende a asociación, entendemos que ao producirse os feitos nos terreos da Autoridade Portuaria, é responsabilidade da mesma a súa vixilancia e erradicación. O uso de carabinas de aire comprimido fora dos recintos habilitados para tiro deportivo está absolutamente prohibido, así como disparar a calquera animal, polo que solicitamos a Corina Porro, presidenta da Autoridade Portuaria, que tome cartas neste asunto.

Amigos da Terra ignora se este campo de tiro está recollido na presunta certificación ambiental EMAS, que solicitamos fai tres meses sen éxito. Dende a asociación, continuaremos agardando a que a Autoridade Portuaria nos remita unha copia para poder analizala.