Os vertedoiros localízanse nas proximidades do complexo hospitalario da cidade

Amigos da Terra e Amigas das árbores veñen de presentar sendas denuncias diante da Consellería de Medio Ambiente, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Policía Local de Ourense e Policía Autonómica por uns vertedoiros incontrolados de lixo e refugallos de restos de obra no denominado “Parque da Desidia”, localizado en pleno casco urbano da cidade de Ourense, e nas proximidades do complexo hospitalario da cidade.

Na devandita zona hai todo tipo de residuos ocupando máis de 500 metros cadrados da mesma, con acumulación incontrolada de grandes cantidades de cascallos procedentes de obras, plásticos, illantes con posibles restos de amianto, restos metálicos de todo tipo, asfaltos, alquitran… que son altamente contaminantes tanto dos solos como das augas, coa conseguinte contaminación polos lixiviados que poidan estar afectando tamén ao Regueiro Fozado que pasa polos arredores da zona.

Todos estes cascallos, refugallos e residuos teñen que ser xestionados de maneira axeitada, e nunca poden ser botados en espazos abertos sen o tratamento preciso por empresa autorizada como xestora de residuos.

Dáse a agravante engadida de que o devandito vertedoiro atopase próximo ao complexo hospitalario da cidade de Ourense e deben evitarse os efectos negativos para a saúde pública e o medio ambiente.

“O Parque da Desidia de Ourense xa se aventuraba para acoller estes vertedoiros, e o concello de Ourense amosa unha vez mais a súa irresponsabilidade pola falta de vixilancia, desleixo, pasividade e desidia ao permitir ditos vertedoiros.” declaran dende Amigos da Terra.

Así a Lei 6/2021 do 17 de febreiro de Residuos de Galicia, recolle que as entidades locais terán competencias para a xestión dos residuos urbanos correspondentes ao seu municipio. Os municipios son os responsables da retirada dos residuos así como tamén, do mantemento do aseo e o coidado da localidade, é dicir, deben procurar polo benestar social. As entidades locais teñen un papel importante fronte á xeración e permanencia de vertedoiros ilegais, a vixilancia de sitios con potencial de converterse en vertedoiros clandestinos ou microvertedoiros e a denuncia de verteduras ilegais.

Dende Amigos da Terra e Amigas das árbores demandamos ás autoridades competentes que se identifique e sancione ós responsables das verteduras e que os devanditos vertedoiros sexan retirados, devolvendo ao seu estado orixinal a zona contaminada.