
A serra de San Mamede está protexida ambientalmente con normativa europea, por canto pertence ao Macizo Central ourensá que é Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) incluído na Rede Natura polo seu singular valor ecolóxico.
A 300 metros do cumio da serra estase levando a cabo unha construción do que parece será un depósito de auga o que, inevitablemente, está a provocar unha desfeita ecolóxica, ambiental e paisaxística.
A construción, que consiste nunha planchada de formigón e unha estrutura metálica, responde a un presunto depósito de auga e está a precisar do traballo dunha excavadora e demais vehículos de obra que están a provocar o desmonte de máis de 500 metros cadrados de cuberta vexetal e unha pista de acceso de máis de 100 metros de lonxitude cun forte impacto por destrución da mesma e os conseguintes surcos por enterramento da rodaxe da maquinaria.

Amigos da Terra está á espera das oportunas resolucións ante as denuncias que, fai días, interpuxo co fin de indagar o por que dunha construción emprazada neste punto dunha serra cualificada como zona subalpina ou de alta montaña, denominación coa que se catalogan montañas con especiais características en Galicia.

As denuncias interpostas pola asesoría xurídica de Amigos da Terra ante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), ante Medio Rural e ante Medio Ambiente, teñen o fin, cada unha delas, de recabar información sobre o tipo de proxecto se quere executar coa devandita obra; cal é o motivo de construción da mesma e cales son os impactos ambientais previstos e as medidas correctoras dos mesmos.
Asemade, ao Seprona da Garda Civil, solicítaselle que realice a oportuna inspección ocular e que declare a paralización da obra namentres se verifica a existencia de autorizacións, presuntamente outorgadas aos encargados da obra.
Debe terse en conta, asemade, do preto que se mantén a construción con respecto ao nacemento do río Arnoia e situada tamén, a 160 metros da Fonte do Santo, chamada así pola Capela do Santo que se sitúa nun dos penedos máis altos da serra.
A execución deste tipo de obra de formigón pode conlevar á contaminación por substratos do mesmo, aos acuíferos ou as augas subterráneas e pola escorrentía no caso de choivas.
Este tipo de actuacións, amparadas polas administracións (concellos, deputacións, consellerías ou organismos de conca) e denunciadas numerosas veces por Amigos da Terra, responden á inoperancia administrativa, e á falta de concienciación e coñecemento da normativa regulada para dar cobertura e protección legal a paraxes onde non se debe dar cabida a ningunha actuación que, como esta, poñen en serio perigo ao entorno ecolóxico que, como a serra de San Mamede, dispón dun alto e singular valor e que sen embargo, non é visto desta forma polos gobernantes.