O proxecto que actualmente desenvolvemos en Honduras, con financiamento da Xunta de Galicia, ten como un dos seus obxectivos principais facilitar o emprendemento e o autoemprego de mulleres rurais. Para iso levouse a cabo un proceso de formación e asesoramento que xa está a dar os seus primeiros froitos.
En primeiro lugar, desenvolvéronse xornadas de traballo para que as mulleres identificasen as necesidades e prioridades para o establecemento de iniciativas económicas. Estas xornadas organizáronse en coordinación coas redes de mulleres contra a violencia do Corpus e Namasigüe, priorizando mulleres cunha idea de negocio xa traballada ou interesadas en formar un negocio. En total, o proceso de formación foi completado por 27 mulleres que participaron en capacitacións nas temáticas de identificación, emprendemento, plans de negocio, administración, organización e comercialización, así como nun encontro de intercambio de experiencias con grupos de mulleres que lideran negocios fortalecidos e sostibles.
Coa formación adquiriron valiosos coñecementos sobre planificación estratéxica, boas prácticas de administración financeira e fiscal ou comercialización diferenciada. Pero non só se capacitaron en diferentes temáticas, senón que tamén optaron por contribuír aos ingresos financeiros das súas familias e ter poder na toma de decisións sobre o destino dos mesmos.
Grazas a este proceso elaboráronse plans de negocio colectivos e individuais. Algunhas mulleres xa tiñan unha idea de negocio desenvolta e outras optaron pola elaboración e venda de comidas típicas, nacatamales, tortillas de millo, semente de marañón, pan caseiro, rosquillas, conservas de leite e, nun caso, prendas de vestir. As mulleres decidiron que as súas iniciativas se relacionasen con produtos ou servizos do seu gusto, que teñan asegurada unha boa aceptación para a comercialización nas súas comunidades e que lles permitan xerar ingresos económicos para mellorar as condicións de vida das súas familias. Todo elo sen esquecer a importancia de que os emprendementos teñan conciencia social e xeren un impacto positivo no medio ambiente. Apostouse así por favorecer a comercialización local da produción agroecolóxica en hortos familiares biointensivos e parcelas produtivas diversificadas, de tal forma que se garanta o uso de alimentos sans e nutritivos.
Para a fase de investimento seleccionáronse as 5 iniciativas colectivas e 8 individuais que completaron o seu plan de negocio. As mulleres destinatarias dos investimentos son de cinco comunidades do municipio do Corpus e oito comunidades do municipio de Namasigüe. Actualmente estanse finalizando os procesos de compra para a dotación de equipos e materiais precisos para o inicio da actividade.
As mulleres integradas nestas iniciativas xa iniciaron a venda dos seus produtos nos municipios de Namasigüe e O Corpus, aínda que nalgúns dos casos será necesario expandir os seus mercados para lograr suficiente rendibilidade. Participaron en feiras municipais, mercadito municipal (unha vez ao mes) e outras datas emblemáticas (feira rexional de sementes nativas, celebración día da mocidade…), onde levan a vender os seus produtos.
Unha das mozas elabora e vende bixutería e o resto, comidas e alimentos. Entre os produtos que comercializan atopamos lácteos (queixo, manteiga, quesillo), comidas tradicionais (tamales, fresco de morro, tamalitos pisques, chop suey…), doces (garrapiñados, conservas de leite e coco, sobremesas de leite…), así como os excedentes cultivados nos seus hortos familiares (froitas de tempada, plátano, anonas, tamarindo, yuca, cogombro, pataca doce, frijoles ou cabaza).
Durante este proceso, lográronse superar os principais desafíos para o empoderamento económico das mulleres, pero aínda existen obstáculos como a insuficiente dispoñibilidade de recursos financeiros para afrontar os investimentos necesarios para a ampliación ou diversificación dos seus produtos. Tamén se identificaron algunhas limitantes para organizar o traballo colectivo, como o custo do transporte entre as súas vivendas. Ademais, requírese fortalecer o acceso a espazos de toma de decisión a nivel municipal e rexional para a xestión de recursos financeiros complementarios e espazos de comercialización que lles permitan potenciar os seus negocios.
A nivel administrativo, as mulleres xa contan con coñecementos básicos de para realizar balances e calcular os fluxos de efectivo. Contan con libros de rexistro contable e reciben apoio para a actualización dos seus estados de resultados e os seus balances económicos, o que permite medir a rendibilidade do emprendemento e tomar decisións para redireccionar as estratexias de mercado se fose necesario.
Como estratexia complementaria para diversificar a comercialización dos produtos elaborados polas mulleres, formáronse no uso de redes sociais e deseñouse unha plataforma virtual de comercializaciónque conta cun catálogo dos produtos e servizos que oferta cada unha das emprendedoras, o que ampliará a súa lista de potenciais compradores e inversionistas. Ademais, está previsto o acompañamento técnico dunha especialista en comercialización e mercadeo que as asesore.
Para garantir a sostibilidade dos negocios, continuaranse os procesos de incidencia cos gobernos municipais para a xestión de recursos económicos, para a habilitación de espazos de comercialización específicos para as redes de mulleres, e para a xestión de acordos de colaboración coa empresa privada (supermercados, mercados, adegas, restaurantes…) para que compren produtos aos grupos de mulleres de acordo ás súas necesidades. Todo iso demanda un compromiso crecente no tempo e a apropiación por parte das mulleres campesiñas do seu rol como emprendedoras.
A entidade socia local, a Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida, continuará no futuro dando acompañamento ás redes de mulleres contra a violencia e ás iniciativas económicas individuais e colectivas apoiadas con este proxecto.