thommayne_vigo_estacionA pesar das orgullosas palabras de Abel Caballero na presentación do proxecto da estación do AVE, nas que cualificaba o deseño como de “perfecto”, Amigos da Terra considera que o proxecto de Thom Mayne é mellorable en moitos aspectos, e por iso propoñemos unha serie de aportacións que seguramente esqueceron o Alcalde, o ministro de Fomento e o resto de autoridades presentes.


En primeiro lugar, ese grande espazo superior, aberto e accesible, integrado no ámbito, é un clásico da bioconstrucción; en Amigos da Terra xa o usamos hai unha década no Centro de Educación Ambiental As Corcerizas polo que non é tan innovador como queren facernos crer.

Por iso, e tendo en conta que este deseño non é tan perfecto como afirma Abel Caballero, dende a asociación, gustaríanos facer unha serie de recomendacións ao proxecto de Thom Mayne, que esperamos sexan tidas en conta á hora da súa edificación:

  • As cristaleiras, ademais do uso eficiente da luz, son elementos bioclimáticos pasivos de aforro enerxético. Supoñemos que a súa orientación e inclinación, ademais da súa amplitude cara ao sur e este, e a súa contención cara ao norte estarán previstos, aínda que non sexa así nas infografías.
  • A ampla superficie superior e a súa fachada lateral son excelentes para a instalación de placas solares térmicas e fotovoltaicas. Supoñemos que se incluirán no proxecto a pesar de non aparecer tampouco  nas infografías.
  • Confiamos, ademais, en que se utilicen elementos de calefacción e refrixeración de baixo consumo e iluminación eficiente.


Así mesmo, unha estación como esta debería adoptar os estándares da arquitectura bioclimática no uso de materiais:

  • Priorizando os materiais locais.
  • Evitando o uso de plásticos clorados.
  • Evitando o uso de cementos grises.
  • Utilizando bioarcillas e elementos naturais para o illamento.
  • Usando pinturas e vernices naturais.

Por outra banda, supoñemos que esta estación para a alta velocidade terá previsto compensar as súas emisións de CO2 (unha media de 30 quilogramos por pasaxeiro) con algunhas das seguintes accións:

  • Plantando árbores, pero sobre todo non tallándoos despois.
  • Concentrando repoboacións forestais con especies autóctonas nas saídas de ventilación do tramo subterráneo de acceso.

Tamén esperamos que unha estación do século XXI contemple a racionalidade do transporte. Neste senso, para Amigos da Terra é un grave erro que unha estación tan moderna non teña liñas de combinación cos trens de proximidade, nin autobuses. Por iso, coa esperanza de que algún día o Concello e a Xunta de Galicia correspondente se poñan de acordo e racionalicen a mobilidade urbana, e para que entón, non teñamos que tirar parte dese fastoso proxecto para completar o que indica o sentido común, e engadirlle a terminal de autobuses, esperamos que a estación:

  • Contemple a posibilidade dun acceso por bicicleta, e aparcamentos prioritarios para as mesmas.
  • Cumpra todos os criterios de accesibilidade para as persoas con discapacidade.

Amigos da Terra fará chegar estas suxestións ao estudo de Thom Mayne, para que realmente os criterios ambientais da devandita estación sexan acordes co século XXI.

“Por 60 minutos menos en chegar a Madrid, que é a diferenza entre a alta velocidade e un tren convencional mellorado, multiplicamos a niveis astronómicos os custes sociais, ambientais, enerxéticos e por suposto económicos. É unha pena que se apostase tamén en Vigo polo “supertren” en lugar de polos trens, en lugar de pola dobre vía, a mellora e electrificación total das liñas convencionais, a sentenza final ás proximidades e á imposibilidade da articulación territorial por tren”, sinalou Antón Lois, vogal de comunicación de Amigos da Terra.