heads_front_peq

Amigos de la Tierra Europa lanzou unha campaña centrada no aforro enerxético, e pide aos Xefes de Estado europeos reunidos no Cumio sobre Enerxía en Bruxelas que adopten un obxectivo legalmente vinculante para reducir o consumo enerxético.

Dese modo evitaríase depender das políticas voluntarias aprobadas por cada un dos Estados Membros que ata agora non serviron para aforrar enerxía. Este obxectivo vinculante permitiría alcanzar o obxectivo do 20% de eficiencia enerxética para 2020, ademais de recortar 800 megatoneladas de CO2, diminuír a dependencia enerxética e evitar a construción de 1.000 centrais de carbón.

“Este obxectivo tamén contribuiría a aforrar uns 1.000 euros por vivenda e crearía ata un millón de empregos verdes en Europa” afirmou Brook Riley, responsable da campaña de Eficiencia Enerxética de Amigos de la Tierra Europa. Á súa vez sinalou: “a mellor enerxía é aquela que non se utiliza. Pero para conseguir empregar menos enerxía é necesario un compromiso político firme que garanta o primeiro paso coa adopción deste obxectivo de aforro enerxético”.

politicos_europeos


Segundo as conclusións do Consello Europeo, os Xefes de Estado recoñeceron que Europa non está a seguir o camiño axeitado para conseguir estes obxectivos. Amigos de la Tierra considera que a Unión Europea debería reducir a súa dependencia enerxética en vez de construír novas canalizacións para gas e petróleo, dado que diminuír o consumo de enerxía é imprescindible para resolver os problemas de subministración en Europa.

Coincidindo co encontro de Xefes de Estado, Amigos de la Tierra Europa presentou o pasado venres a súa campaña para esixir un obxectivo legalmente vinculante, acompañado de políticas sociais máis ambiciosas a nivel nacional. Así, os grupos nacionais de Amigos de la Tierra Europa, entre eles Amigos de la Tierra España, levarán a cabo a campaña en 10 países. Esta campaña estará principalmente dedicada á contribución da eficiencia enerxética en edificios, xa que o sector supón o 40% do uso enerxético e o 36% das emisións de gases de efecto invernadoiro en Europa, ademais de ter un enorme potencial á hora de crear empregos verdes.

“España encóntrase agora mesmo moi afastada dos obxectivos de Eficiencia Enerxética marcados pola UE no Paquete 20-20-20“, asegurou Alejandro González, responsable da área de Cambio Climático e Enerxía de Amigos de la Tierra, “polo que é necesario que se poña en marcha canto antes unha nova Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética con medidas ambiciosas”.

Galería de fotos da acción europea

Vídeo da acción