nino_pescadoDende hoxe, día 13 e ata o 31 de xaneiro, a Casa Habanera de Guitiriz (Rúa do Concello, 42) acollerá a exposición “Golfo de Fonseca: A loita por un futuro sostible”, organizada por Amigos da Terra e AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) e subvencionada pola Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega. A inauguración da mesma terá lugar hoxe, ás 19.00 horas na Casa Habanera.

 

Amigos da Terra e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), a través dun convenio de colaboración, comezaron no ano 2009 un proxecto de sensibilización para dar a coñecer en Galicia o traballo que Amigos da Terra leva a cabo no Golfo de Fonseca en temas de pesca artesanal sostible.

O principal obxectivo desta colaboración é sensibilizar á poboación galega e difundir o traballo que Amigos da Terra está a realizar en cooperación ao desenvolvemento con enfoque ambiental, sempre coa premisa de que a xestión integrada do medio ambiente é clave para poder erradicar a pobreza no mundo.

Deste xeito, cinco reporteiros de AGARESO puxeron rumbo ao Golfo de Fonseca para visitar os proxectos que a asociación está a desenvolver en Nicaragua, O Salvador e Honduras, tres países que comparten a xestión e uso desa área xeográfica, un ecosistema que destaca pola súa biodiversidade mariño-costeira. Durante doce días, tiveron a oportunidade de entrevistarse cas cooperativas de pescadores artesanais, con responsables da empresa galegas que contan con instalacións en O Salvador, institucións locais, cooperativas de mulleres e as contrapartes de Amigos da Terra, recollendo en formato dixital e a través de entrevistas os logros que se están acadando en diferentes aspectos, como a pesca artesanal sostible, a conservación dos recursos mariños ou a maior participación das mulleres no sector pesqueiro.

farina_pescado

Esta exposición, reflexa a través de 30 instantáneas as impresións e vivencias deste grupo de  reporteiros durante a súa visita aos proxectos da asociación. A mostra permanecerá na Casa Habanera ata o vindeiro 31 de xaneiro e poderá visitarse de 9.00 a 21.00 horas de luns a venres e os sábado de 9.00 a 13.30 horas.