O informe presenta traxectorias que non responden ao desafío de evitar a catástrofe climática, e só contén liñas de actuación consideradas viables no marco económico actual

Consideramos que con este informe é imposible atopar traxectorias no sistema económico que non excedan o 1,5°C, é dicir ou se produce un cambio de sistema ou non se poderá facer fronte á crise climática

A ciencia segue alertando sobre a necesidade de non exceder o limiar do 1,5°C e a sociedade civil seguirá premendo para avanzar cara ás alternativas reais

Hoxe, 4 de abril, publicouse o informe do Grupo de Traballo 3 do Panel Intergobernamental de Expertos contra o Cambio Climático (IPCC) sobre mitigación do quecemento global. Desde Amigos da Terra alertamos sobre as contradicións do texto e recalcamos que a ciencia ten claro, e así o transmitiu en reiteradas ocasións, que non debe superarse o limiar do 1,5°C.

Non se supón que o IPCC faga recomendacións políticas, pero efectivamente fainas. Neste caso, presenta traxectorias de acción que exceden o 1,5°C e recorre a falsas solucións que nin sequera se probaron, o que supón un grave risco para a humanidade e o planeta. Destacamos que se trata dun informe baseado en recomendacións económicas cortoplacistas e non en recomendacións científicas.

As propostas para combater o cambio climático, recollidas no novo documento, están baseadas en modelos conservadores que se amparan na suposición dun crecemento económico continuo, sen considerar a opción ineludible dun cambio de sistema. As traxectorias expostas non responden ao desafío de evitar a catástrofe climática. En cambio, contemplan incluír tecnoloxías non probadas, como a xeoinxeniería ou a captura de carbono entre outras.

Temos claro que a mensaxe central da comunidade científica debe seguir vixente: é imprescindible e urxente levar a cabo unha transición xusta, prescindir dos combustibles fósiles, e limitar así o risco dun quecemento global incontrolable.

Unha vez máis, os achados e conclusións do IPCC convertéronse nun campo de batalla política. En informes recentes os países industrializados eliminaron do texto as referencias á equidade, e no último informe de febreiro librouse unha batalla en torno ás referencias de Perdas e Danos. Non é de estrañar que as recomendacións do novo texto respondan aos intereses dun modelo económico incompatible coa vida na Terra.

Malia os informes anteriores nos que o IPCC alertou unha e outra vez da necesidade de non cruzar a liña e situarnos nun cambio climático de non retorno, con este documento abren a porta ao 1,5°C para contentar á elite económica mundial e traizoar ao 99% da humanidade. Isto deixa claro, que o sistema actual non ofrece ningunha solución para enfrontarnos á crise climática. Necesitamos novas políticas que poñan ás persoas e os ecosistemas no centro.

Consideramos que a publicación deste informe desvela que a comunidade científica ten razón na súa avaliación dos impactos do cambio climático, pero os economistas non atopan nos seus modelos, baseados no sistema económico actual, liñas de acción para manter o quecemento por baixo do limiar de 1,5 graos. Isto reforza a necesidade dun cambio de sistema que cumpra con manter a temperatura por baixo de 1,5 graos sen excedelos nin recorrer a tecnoloxías non probadas. Estas invisibilizan a responsabilidade histórica e diferenciada entre países ante a crise climática, unha crise climática que de non reducir as emisións de forma drástica levarán aos países do Sur Global a escenarios aínda máis catastróficos.

O IPCC subliñou hai pouco máis dun mes que exceder esta barreira podería precipitarnos a un punto de non retorno que desencadearía impactos climáticos irreversibles. Agora a prioridade dos responsables políticos e as comunidades debe ser poñer fin á era dos combustibles fósiles e transformar os sistemas socioeconómicos para garantir sociedades baixas en carbono, sostibles e baseadas na xustiza climática, que poñan por diante o interese xeral da poboación mundial.