
Asociacións galegas traballan desde fai uns meses na procura dun nomeamento que outorgue protección ambiental á serra do Galiñeiro. Esta serra, lugar natural de encontro dos Concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui, alberga numerosos valores ambientais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais polo que cómpre garantir a conservación de todos eles como patrimonio galego.
O Manifesto recolle algúns destes valores da serra e proclama a inminente necesidade de protexer a mesma xa que ata o de agora as administracións non actuaron de xeito coordinado para nomear dita zona cunha figura de especial protección ambiental.
Algunhas das singularidades apreciables da serra comezan por ser aquela un referente paisaxístico, cun aprezable patrimonio xeolóxico, de considerables valores tectónicos, petróglifos e mámoas, e doutro lado, augas subterráneas cun aproveitamento multifuncional de moitas das Comunidades de Montes que integran a serra.
Para Amigos da Terra na actualidade os espazos como a serra do Galiñeiro deben configurarse como un sistema integrado e unitario de todos os espazos naturais ubicados en Galicia e deben gozar dun rexime especial de protección en virtude de normativa autonómica, estatal e comunitaria ou ben por convenios e normativas internacionales.
Desde novembro véñense desenvolvendo diferentes reunións e xornadas técnicas co fin de crear un espazo de información e de participación para todos aqueles interesados, ben sexan cidadáns anónimos ou organizacións, que desexen apoiar a necesidade de protexer a serra do Galiñeiro.
Consulta a texto do MANIFESTO e envíanos o teu apoio ou as túas suxerencias: MANIFESTO_serra_galinheiro_dec2010.doc