Apicultoras e apicultores dos municipios de El Viejo e Somotillo, do departamento de Chinandega (Nicaragua) realizaron recentemente un encontro para mellorar a produción e comercialización apícola, que se viu afectada pola caída do prezo internacional e os efectos do cambio climático.
Esta actividade enmárcase no proxecto “Fortalecemento da sustentabilidade económica, social, ambiental e tecnolóxica do sector apícola, agrícola e acuícola en Chinandega, Nicaragua”, financiado por Cooperación Galega, e que deu inicio a finais de 2021.
O proxecto busca mellorar a capacidade empresarial, produtiva, de comercialización e a equidade de xénero de 7 cooperativas e 3 agrupacións de productores/as de plátano, mel, peixe, grans básicos e anacardo. Para conseguilo, contempla a elaboración de plans de negocio, a mellora de plantas de procesamento de alimentos ou a aplicación de novas estratexias de comercialización física e electrónica dos produtos elaborados. Todo elo, promovendo a participación das mulleres na toma de decisións, acceso e control de recursos dentro das cooperativas.
Neste encontro con cooperativas apícolas abordouse a crianza de abellas reinas, a alimentación artificial sólida e líquida, e a presenza do pequeno escaravello das colmeas no corredor seco.
Isabel Currais, especialista da área de asociatividade do Ministerio de Economía Familiar, Comunitaria, Cooperativa y Asociativa (MEFCCA) dixo que queren fortalecer os coñecementos de apicultoras e apicultores para mellorar a produción de mel e dinamizar a economía nas súas comunidades.
En Nicaragua a maioría de produtores de mel só fornecen de enerxía ás abellas con xarope de azucre en época de baixa floración, esquecendo a proteína necesaria para o desenvolvemento das larvas e para garantir obreiras de calidade.
As abellas requiren o 21% de proteína a través do pole, que non está dispoñible todo o ano e é nese período onde hai que suplir con alimentación artificial.


O especialista apícola Juan Alberto Pérez, da Cooperativa Multisectorial Mozos Emprendedores Rurais de Madriz, R. L. (COMJERUMA), promove alimentar ás abellas melíferas en momentos críticos de baixa floración, con tortas proteicas utilizando os recursos da leira (millo, sorgo, canavalia, mel), asegurando que non require grandes cantidades e que os custos se reducen nun 50% con respecto ao emprego de xarope de azucre.
“A variabilidade climática está a afectar á produción, hai épocas onde non temos pole e debemos suplir co tortas. Ademais, hai novas pragas e enfermidades, polo que debemos facer un mellor manexo de apiarios”, explicou Pérez.
Arnulfo Betanco, apicultor desde fai tres anos e socio da Cooperativa Apicultores do Pacífico, R. L. (CAP), situada en Cosigüina, Chinandega, comentou durante o encontro que “os invernos foron malos, o vento bota as flores e necesitamos alimentar ás abellas. Nós temos 900 colmeas e a torta vén reducir os custos”. Das 50 colmeas de 3 corpos que posúe, só produciu 2.5 barrís de mel o ciclo pasado. No ciclo 2020 – 2021, puido xerar 4.5 barrís. Con todo, a caída do prezo do mel no 2020 a 450 dólares por barril, produciulle grandes perdas.
Outro dos temas abordados coas cooperativas apícolas foi o cambio da abella reina nas colmeas, “cambiala cada ano significa ter máis abellas (pode poñer 2.500 ovos) e polo tanto máis mel”, detallou Betanco quen aspira a ter 200 colmeas no seu apiario e dedicarse de cheo a esta produción.
Desde o ano pasado, Fundación LIDER e Amigos da Terra veñen apoiando ao sector apícola do corredor seco, co apoio do MEFCCA de Chinandega e o financiamento da Xunta de Galicia e o Gobierno de La Rioja.
“Brindáronnos equipos para mellorar a produción, envases para fraccionar o mel, melloras na infraestrutura da planta de procesamento, talleres de capacitación e o acompañamento no rexistro de marca e produtos para comercializar no mercado local e nacional”.