Amigos da Terra e a Fundacion LIDER encaran a recta final do proxecto de cooperación vinculado á acuicultura artesanal en Nicaragua, e que desenvolven co financiamento do Fondo Galego de Cooperación. A proposta pretende fortalecer ás cooperativas que se adican á cría de pargo en gaiolas flotantes. Nos últimos meses de 2021 leváronse a cabo varias actividades, relacionadas coas distintas liñas de actuación do proxecto:
- Equipamento da planta de procesamento de alimento para peixes La Limonera
A adquisición dunha báscula dixital para a medición dos micro compoñentes da dieta para pargos e dunha máquina para facer os pellets, permite contar xa coa maquinaria precisa para a elaboración do alimento que se suministrará ás cooperativas pesqueiras.
- Elaboración da dieta para o pargo
A Universidade Nacional Autónoma de Nicaragua en León (UNAN-León) en coordinación co IRTA (Instituto de Investigación e Tecnoloxías Agroalimentarias) de Cataluña, definiu unha dieta que se enfoca nas dúas etapas de crecemento do pargo: a) Dieta para peixes con tallas entre 150 a 250 gramos e B) Dieta para engorde de tallas de 251 a 454 gramos.
No proceso de análise de materias primas locais dispoñibles na zona identifićaronse certas limitacións, especialmente na obtención de fontes de ácidos graxos, que son esenciais para a alimentación de peixes mariños. Por iso, empezouse a investigar sobre ingredientes alternativos que poidan aportar estes elementos á dieta. Este inconvinte retrasou a finalización da formulación do alimento. Non obstante, no mes de xaneiro xa se puido realizar na planta de procesamento un taller práctico de elaboración de alimento e se compartiu coas cooperativas unha proposta de plan de nutrición que se basea na identificación de ingredientes locais.

O taller tivo como obxectivo realizar unha primeira mestura dos ingredientes seleccionados e a resolución de dúbidas, tanto na viabilidade dos ingredientes como nas proporcións definidas de cada un deles para elaborar un primeiro prototipo de alimento. Logo do exercicio, propuxéronse axustes aos fabricantes da peletizadora para garantir que as mesturas dos ingredientes se convirten nun pellet apto para o consumo animal e que conserva os nutrientes que necesitan os peixes nas granxas acuícolas.
- Vixilancia da calidade da auga en Esteros Padre Ramos e Aserradores
A finais de 2021 realizouse unha nova saída para o control a análises das augas mariñas onde se atopan as granxas acuícolas. Este labor foi directamente realizado por mulleres socias das cooperativas, como produto do plan de formación que a UNAN – León, Amigos da Terra e Fundación LIDER realizan coas persoas beneficiarias. O propósito final é que os/as socios/as das cooperativas sexan capaces de realizar a mostraxe de parámetros fisicoquímicos de forma periódica máis aló da finalización co proxecto.
- Campaña de reforestación de manglares
Paralelamemente ao traballo de investigación coas cooperativas, desenvolvéronse actuacións de educación e protección ambiental no entorno natural onde se desenvolve o proxecto. Realizáronse varias xornadas de reforestación de bosque de manglar nos esteros Padre Ramos e Aserradores, onde participaron persoas socias das cooperativas dedicadas ao cultivo de pargo, así como técnicos de LIDER e xornalistas. Tamén se logrou a implicación das autoridades do Ministerio de Medio Ambiente e a Dirección de medio ambiente da Alcaldía Municipal de El Viejo.

- Viñetas Radiais
Como estratexia para visibilizar o papel da muller no sector pesqueiro, e sensibilizar sobre a importancia da pesca responsable, elaboráronse 2 viñetas radiais emitidas en emisoras de radio locais e compartidas coa Alcaldía Municipal El Viejo, MARENA e INPESCA.