
Os prazos de execución das obras da nova depuradora sobrepasan ampliamente todas as prórrogas europeas concedidas, co que o Concello de Vigo deberá pagar multas por incumprir reiteradamente os prazos dados pola Unión Europea. Ademais, para Amigos da Terra, a aposta por un sistema único de depuración non solucionará a contaminación da ría, polo que pagará tamén novas multas por incumprir a normativa europea de calidade de augas residuais.
Despois de tres anos de disputas entre as administracións, o Ministerio de Medio Ambiente acaba de licitar a redacción do proxecto construtivo, a execución das obras e a posta en marcha da nova depuradora de Vigo por 205 millóns de euros. Nembargantes, estas obras sobrepasan ampliamente (case cinco anos) o prazo prorrogado pola Unión Europea, polo que o Concello da cidade olívica non se librará de pagar as multas por incumprir reiteradamente os prazos.
A Unión Europea anunciaba hai uns anos unha sanción multimillonaria, uns 24 millóns de euros, en contra do Concello de Vigo polos vertidos contaminantes á ría e as deficiencias na rede de saneamento e depuración, que non alcanzaban os parámetros mínimos esixidos pola normativa comunitaria ambiental. Unha relativa sorpresa, posto que a crónica das denuncias ecoloxistas, veciñais, de entidades que viven da pesca e o marisqueo, nos últimos anos, por vertidos á Ría de Vigo e ao río Lagares podería encher unha biblioteca.
Por outra banda, para Amigos da Terra apostar por un único sistema de depuración non solucionará a contaminación que está a sufrir a Ría de Vigo, xa que contar cunha soa instalación implica necesariamente que ante o primeiro fallo da depuradora a totalidade das augas residuais se verterán á ría sen tratamento algún, tal e como ocorreu coa depuradora de Xunqueira do Lagares. En definitiva, a cidade máis grande de Galicia, e proporcionalmente a que máis verte á súa Ría, non solucionará este grave problema coa nova instalación.
Para a asociación ecoloxista a solución para acabar cos vertidos á Ría de Vigo pasa por:
- Facer unha separación e tratamento diferencial de augas pluviais e augas residuais, e unha separación estrita das augas residuais urbanas e das industriais.
- Vixiar e controlar o estrito cumprimento das normas sobre depuración e vertidos das empresas e industrias.
- Diversificar a rede de saneamento, instalando unha rede de depuradoras en cadea ao longo das cuncas dos vales urbanos (unha depuradora para o entorno de Teis, outra para a zona centro e outra para Bouzas, instaladas en terreos da autoridade portuaria), de xeito que ante unha avaría dunha das depuradoras o resto da rede podería asumir parcialmente a depuración.
- Manter a actual depuradora da Xunqueira de Lagares unicamente para a depuración das augas residuais urbanas da cunca do Lagares e Val do Fragoso.