
Amigos da Terra publica un protocolo con recomendacións para ceibar cabalos atados ou trabados nos montes, unha tortura recoñecida como delito de maltrato animal. Así mesmo, recorda ás autoridades competentes que a ausencia de identificación destes cabalos non sirve de escusa nin xustifica deixalos indefensos e sen ceibar.
Ao longo de toda a comunidade galega, especialmente nos montes da franxa atlántica, é frecuente observar cabalos trabados con cordas ou paus que atan as súas patas e limitan os seus movementos, deixándoos indefensos ante o frío invernal, os depredadores, o lume, os coches e os asasinos.
A pesar de que a normativa obriga a que todos os cabalos teñan a súa correspondente identificación, dita norma e incumprida sistematicamente, circunstancia que sirve de impedimento ou escusa, para que ante a imposibilidade de localizar ao propietario dos cabalos non se apliquen as correspondentes sancións, tanto pola ausencia de identificación como polo delito de maltrato animal.
Igualmente a ausencia dunha definición clara de competencias entre as distintas administracións e as forzas de seguridade, ou directamente a desidia para clarificar ditas competencias, levan desde fai anos a esta situación de maltrato animal continuado, con un grave risco engadido para a seguridade vial, e unhas significativas perdas económicas en terreos forestais e cultivos.
Non resulta estraño que ante este panorama algúns individuos se tomen “a xustiza pola súa man”, sendo cada vez máis frecuente atopar cada outono, aproveitando que as armas e os disparos no monte pasan desapercibidos na tempada de caza, ducias de cabalos executados a tiros ou acoitelados. Un número de execucións que vai en aumento, con máis de trinta vítimas cada ano, sumando unicamente os casos que saen á luz, aínda que Amigos da Terra é consciente de que se localizan ou denuncian apenas a metade dos cabalos executados nos montes.

Este protocolo contén algunhas recomendacións para actuar na medida das nosas posibilidades como cidadás e evitar que continúe este delito de tortura animal coñecido e tolerado na nosa comunidade.
Deste xeito, conseguirase por exemplo, reducir o risco potencial que representa para a seguridade vial un cabalo na estrada, causa de numerosos accidentes todos os anos e poderanse minimizar os danos en repoboacións forestais e zonas de cultivo, xa que os cabalos trabados adoitan buscar alimento nas zonas máis accesibles, como os cultivos, ao ter máis dificultade para conseguir alimentarse no monte pola limitación dos seus movementos.