Concluída a metade da primeira semana do Cume do clima as negociacións apenas comezaron e os problemas loxísticos para entrar e facer un seguimento adecuado das mesmas obstaculizan o seu correcto desenvolvemento.
Moitos países están enfocados en promover o concepto Cero Neto, entre eles, Reino Unido que, como organizador do Cume, está moi interesado en que os países establezan obxectivos de Cero Neto para 2030. Amigos da Terra advertimos do perigo destas promesas que non limitarán a temperatura por baixo de 1.5 graos, pero si desincentivan a acción climática real.
As promesas de financiamento seguen sendo moi pouco ambiciosas. Parécenos moi decepcionante o compromiso de financiamento anunciado por Pedro Sánchez por insuficiente e inxusto.
Denunciamos as últimas negociacións relacionadas ao Artigo 6 nas que se está incluíndo no texto conceptos como Captura e almacenamento de carbono e Hidroxeno verde, solucións que consideramos falsas e problemáticas.
Ante a desorganización e a obstaculización para facer un seguimento adecuado das negociacións, a sociedade civil estase unindo nas rúas e expresando a súa voz a través de accións variadas e creativas para propoñer solucións reais fronte á urxencia climática.
A metade da primeira semana de negociacións do Cume do Clima COP26 xa concluíu. Os discursos dos líderes mundiais e os enormes problemas para acceder ao recinto tanto de delegados como de observadores protagonizaro estes primeiros días. Nas rúas, ante o impedimento de seguir adecuadamente as negociacións, a sociedade civil estase organizando para facer oír a súa voz e reclamar xustiza climática.
Nos discursos de apertura dos líderes mundiais volvéronse a escoitar compromisos e obxectivos baleiros xa establecidos. Moitos dos países máis contaminantes están deixando clara a súa aposta por establecer obxectivos Cero Neto. Entre eles, Reino Unido, como organizador do Cume, está mostrando o seu particular interese en promover este concepto e instar aos países a que fagan compromisos baseado no Cero Neto para 2050. Desde Amigos da Terra alertamos de que estes obxectivos non están vinculados coa necesidade de limitar o aumento da temperatura global por baixo de 1,5 graos e poden supoñer un obstáculo para a acción climática real.
No segundo día do Cume os líderes mundiais, entre eles España, anunciaron a súa “Declaración sobre os bosques e o uso da terra” para comprometerse contra a deforestación. Aínda que consideramos que deter a deforestación e a degradación da terra é de vital importancia, mentres a deforestación non parou de avanzar, esta Declaración non aporta ningún compromiso novo fronte a declaracións anteriores. Se os países queren que pensemos que de verdade se están tomando o problema da deforestación en serio, o que teñen que facer é pechar as portas ao «lavado verde» coas compensacións de emisións e as falsas solucións como as solucións baseadas na natureza ou o uso da bioenerxía con captura e almacenamento de carbono (BECCS polas súas siglas en inglés).
Ademais, o mesmo martes 2, 100 países comprometéronse a reducir os niveis de emisións de metano nun 30% para 2030. Aínda que o obxectivo de reducir o metano polo seu alto potencial para cambiar o clima é acertado, as solucións que os países queren desenvolver son erróneas. Deixar baixo o chan o petróleo e o gas é o mellor xeito de reducir significativamente as emisións de metano, xa que non podemos esquecer que a segunda maior fonte de emisións antropoxénicas de metano é o sector enerxético. Estes proxectos teñen un forte impacto nas comunidades do Sur Global, acabando cos seus recursos, acaparando terras e moitas veces provocando violacións de dereitos.
Sobre acceso e participación
Desde o comezo do Cume, as negociacións víronse atrasadas. O luns, as propias persoas negociadoras estiveron dúas horas esperando para acceder ao recinto e tanto elas, como moitas persoas observadoras tiveron moitas dificultades para entrar.
A estes problemas loxísticos súmase a natureza xa restritiva da COP26, onde moitas persoas do Sur Global víronse excluídas das negociacións, polo que a organización considera que é posible que nos esteamos enfrontando a unhas dos Cumes do Clima máis excluíntes da historia e denuncia que é difícil de crer que os resultados deste cume poidan considerarse xustos e lexítimos si aquelas que están vivindo os impactos climáticos en primeira liña non poden facer oír as súas voces nas rúas de Glasgow e nos corredores da COP.
Financiamento climática insuficiente para os países en Desenvolvemento
As negociacións previas destes días en términos de financiamento climática indican que os países do Norte non están dispostos a aumentar o obxectivo de financiamento de 100.000 millóns de euros anuais. Unha cifra que, tal e como sinalaron os países máis pobres, é insuficiente. A organización ecoloxista considera preocupante que as negociacións sobre os necesarios esforzos financeiros estean facilitando que o sector privado copte cada vez máis as accións e negociacións climáticas.
O financiamento é insuficiente, e non responde a obxectivos de responsabilidade histórica nin xustiza climática. No caso concreto de España, o aumento de financiamento anunciado polo presidente Pedro Sanchez no discurso de apertura é insuficiente e inxusto. Necesítase maior financiamento climática como reclaman os países máis pobres e non “lavados verdes” tralos cales empresas e sectores financeiros controlan cada vez máis as accións climáticas e aumentan os seus beneficios financeiros.
As negociacións en torno ao Artigo 6
Un área particularmente preocupante para nós é o Artigo 6 do Acordo de París. É neste articulado onde as solucións falsas, como os mercados de carbono e as estratexias ficticias de compensación de emisións, están máis presentes. O martes 2 pola noite, desenvolveuse un novo texto que insería Captura e almacenamento de carbono e o Hidroxeno verde. Se estas estratexias quedan consagradas no Acordo de París creando grupos e liñas de traballo, a organización alerta do perigo que supón para as solucións e a acción climática real e xusta podendo socavar o obxectivo de limitar o quecemento global por baixo de 1.5 graos, e facendo oídos xordos ás demandas dos países do Sur global e as súas comunidades.
Creatividade fronte á desorganización
Fora do centro de conferencias, a sociedade civil estase unindo para desenvolver numerosas accións creativas por toda a cidade. Desde unha billa xigante ata xogos de luras e unha gran discoteca de rúa, a creatividade está superando a desorganización do Cume.
Esta é unha mostra clara de que a sociedade civil quere obxectivos reais fronte á acción climática e que fronte a todos os obstáculos que haxa seguirá desenvolvendo estratexias para asegurar que se oia a súa voz.
Descarga o noso Manual para non perderte nas negociacións do Cume do Clima.