COP10A 10ª reunión do Convenio mundial sobre a Diversidade Biolóxica comeza en Nagoya, Xapón, nun contexto de crise ambiental cada vez máis urxente e co peso da actual crise económica.Con máis de 25 anos de militancia en distintos movementos ecoloxistas, Fernando Ramos, experto en comunicación ambiental e membro de Amigos da Terra participa nesta cumbre como observador de Amigos de la Tierra España.

No ano 2002, os líderes do mundo acordaron para o 2010 lograr unha redución significativa da perda da biodiversidade. O 18 de outubro, no declarado pola ONU, Ano Internacional da Diversidade Biolóxica os países asinantes do Convenio iniciaron a súa 10ª reunión recoñecendo que non só non se cumpriu ningún dos obxectivos previstos, senón que en moitos casos a situación empeorou de xeito perceptible: no último informe1 sobre o estado actual da biodiversidade elaborado polo Programa de Nacións Unidas para o Medio e o propio Convenio sobre a Diversidade Biolóxica (CBD), recoñécese unha realidade alarmante: ningún país notificou que alcanzará plenamente a meta proposta.


En  termo medio, as especies en perigo corren agora aínda máis perigo. O número de especies de vertebrados estudado reduciuse case nun terzo e un cuarto das especies vexetais pode estar en perigo de extinción. Os hábitats naturais seguen degradándose, en especial as brañas de auga doce, os hábitats de xeo mariño, as marismas e as zonas de algas, os arrecifes de coral estanse a deteriorar a unha velocidade descoñecida ata agora e os anfibios encabezan a extinción de especies.

Ademais, multitude de especies de sementes domésticas destinadas a alimentación desapareceron para sempre e con elas a posibilidade de utilizalas para frear o cambio climático ou como refresco xenético para resistir a pragas ou enfermidades. Só en China descenderon de 46.000 a 1.000 as variedades locais de arroz nos últimos 60 anos.

As razóns seguen sendo as mesmas: a perda de hábitats, o uso insostible e a sobreexplotación dos recursos, o cambio climático, as especies exóticas invasoras e a contaminación de orixe humana.

No medio desta situación os ecoloxistas e organizacións como UICN (Unión para a Conservación da Natureza) advirten da necesidade de aumentar significativamente os fondos destinados á conservación das especies e hábitats e urxen a mellora da xestión dos ecosistemas.

Apreman ademais, a un cambio nas políticas estatais, autonómicas e locais e a que o medio ambiente non constitúa unha entidade illada, senón que estea integrado nas políticas de todos os organismos de goberno (ministerios, consellarías, etc.)

Amigos de la Tierra, nun taller internacional celebrado onte, sinala ademais o especial risco que implican para a biodiversidade algunhas prácticas como a extensión dos cultivos transxénicos (España é o único país da UE que cultiva millo transxénico a grande escala) ou a extensión dos monocultivos de árbores ou outras plantas transxénicas para a produción de agrocombustibles e plásticos (en detrimento da alimentación humana a miúdo en zonas de extrema pobreza) e de efectos impredicibles e irreversibles se se converten en plantas invasoras. Outras “solucións” como o pagamento polos servizos que achegan os ecosistemas son igualmente rexeitadas por Amigos de la Tierra Internacional xa que (entre outras razóns) en moitos lugares do mundo poderían acabar beneficiando a terratenentes e usurpadores de terras indíxenas en vez de ás poboacións autóctonas.

Ademais, a biodiversidade é a armazón tecida que fai posible a vida en o noso planeta. Dela dependen a auga que bebemos, os nosos alimentos e moitas das nosas medicinas, mesmo a calidade do aire que respiramos. Se tivesen que pagar os servizos que nos presta serían inasumibles: só a polinización de froitas e verduras por parte dos insectos, calcúlase que achega á economía mundial 200.000 millóns de dólares, e manter un bosque de manglares en bo estado custa moito menos que construír diques contra as mareas. Pero os seus beneficios non son só económicos: coa crise do Prestige, os/as galegos/as aprenderon amargamente que a biodiversidade tamén forma parte da dimensión emocional das persoas, e que as paisaxes e os seres que os crean e habitan son fundamentais para a nosa saúde no sentido máis integral da palabra.

Unha batalla pola calidade de vida dos nosos fillos desenvolverase estes días en Xapón: hai motivos para a esperanza: gobernos, Amigos de la Tierra e outras ONG están de acordo coa necesidade de promover un novo calendario de accións eficaces, ben financiadas e con obxectivos medibles. Está por ver cales serán as medidas finalmente adoptadas.

2010 Ano Internacional da Diversidade Biolóxica.


1. Perspectiva Mundial sobre a Biodiversidade 3