Nnimmo

Amigos de la Tierra Internacional, a maior federación de organizacións ambientalistas de base, ten o orgullo de anunciar que o seu presidente, Nnimmo Bassey, de Nixeria, recibirá o ‘Right Livelihood Award’ ou Premio Nobel Alternativo.

O anuncio de que Nnimmo Bassey é un dos catro laureados de 2010 realizouse onte nunha conferencia de prensa no Ministerio de Asuntos Exteriores de Suecia, en Estocolmo.

O Right Livelihood Award, a miúdo referido como o ‘Premio Nobel Alternativo’ será entregado en Estocolmo o 6 de decembro.

Nnimmo Bassey, que é tamén Director Executivo de Amigos da Terra Nixeria, foi nomeado por revelar os horrores ecolóxicos e humanos da produción de petróleo e polo seu traballo inspirador para fortalecer o movemento ambiental en Nixeria e a nivel mundial.

Nnimmo Bassey, que se encontra actualmente en África, dixo: “este premio é unha reivindicación das loitas xustas e decididas pola xustiza ambiental por parte das comunidades afectadas en todo o mundo. Queremos ver o fin dos crimes empresariais cometidos polas xigantes petroleiras, como Shell en Nixeria e en todo o mundo”.

“Amigos da Terra e catro campesiños nixerianos recentemente presentaron un caso xudicial sen precedentes contra a xigante petroleira anglo-holandesa Shell en Holanda, pola súa gran contaminación petroleira en Nixeria, e estamos esperando a primeira audiencia que terá lugar nos próximos meses”, agregou.

Nnimmo Bassey é un dos principais defensores e campañistas africanos polo medio ambiente e os dereitos humanos. Bassey defende incansablemente a loita contra as prácticas das empresas multinacionais e a devastación ambiental que deixan ao seu paso, destruíndo vidas e pasando por enriba dos dereitos da poboación local.

Máis información