
Amigos da Terra participa esta fin de semana en Terractiva, a feira ecolóxica que ten lugar na localidade de Arzúa e que este ano celebra a súa sétima edición. A diversidade, a conxunción de saberes e prácticas e, sempre, a conciencia ecolóxica marcan as liñas sobre as que se sostén esta proposta.
Nesta feira poderase acceder a outros xeitos de mellorar a nosa calidade de vida a través de diferentes obradorios formativos, ademais, de contar igualmente con espazos de expresión artística e cultural nos que se loita pola defensa da diversidade.
Amigos da Terra participa nesta ocasión cun posto informativo no que, entre outras cousas, informaremos aos asistentes sobre o sistema de depuración mediante macrofitas que temos en As Corcerizas, sobre a campaña “Zona Libre de Bolsas” e como podemos reducir os nosos residuos, sobre os perigos que ten os cultivos transxénicos para a nosa saúde, e tamén faremos unha demostración real do funcionamento e viabilidade do baño seco.
A defensa do medio ambiente é posible dende a cultura, a arte e a solidariedade, e así o entende esta proposta, coa conxugación de producións culturais e o xeito de relacionarnos e interaccionar con nós e co medio.
Vémonos en Terractiva!