
Segundo un novo informe de Amigos de la Tierra, poderíanse crear medio millón de empregos en Europa aumentando a porcentaxe da reciclaxe dos residuos.
Polo menos poderían crearse 500.000 novos empregos en Europa, se os estados membros reciclasen o 70% dos seus residuos, según mostra un novo estudo “Máis empregos, menos residuos”, presentado onte por Amigos de la Tierra. De feito, esta taxa de reciclaxe xa alcanzouse en Flandes, Bélxica.
O presidente da Comisión Europea, José Manuel Barroso, prometeu a creación de 3 millóns de novos empregos “verdes” para o ano 2020 no seu discurso sobre o estado da Unión no Parlamento Europeo. O estudo de Amigos de la Tierra mostra como se podería alcanzar unha porcentaxe elevada para este obxectivo mediante o incremento da reciclaxe.
Os obxectivos actuais do 50% de reciclaxe na UE para o 2020 non levarán consigo un aumento significativo dos empregos, segundo este estudo. Ademais prevese un descenso na cantidade de residuos xerada para 2020. Este informe tamén demostra que a reciclaxe crea dez veces máis empregos por tonelada de residuos que a vertedura ou a incineración.
Estudos previos de Amigos de la Tierra sinalan que a Unión Europea verte ou queima na actualidade polo menos 5,25 mil millóns de euros en materiais reciclables cada ano. Se reciclasen estes residuos podería aforrar o equivalente a 148 millóns de toneladas de emisións de gases de efecto invernadoiro, que equivalería a 47 millóns de vehículos circulando polas estradas.

Segundo Michael Warhust, responsable da campaña europea de recursos de Amigos de la Tierra, “a nosa investigación mostra que un obxectivo de reciclaxe do 70% podería crear máis de medio millón de empregos para o ano 2020, unha contribución significativa aos 3 millóns de empregos verdes que o presidente Barroso prometeu para o ano 2020”.
A pesar dos beneficios económicos, ambientais e relativos ao emprego que leva consigo aumentar a reciclaxe a Comisión Europea, ata o momento, non estableceu porcentaxes suficientemente elevadas.
Janez Potocnik, Comisario Europeo de Medio Ambiente declarou que a eficiencia no uso dos recursos é unha das súas prioridades, polo que non debe desperdiciar a oportunidade de facer realidade a súa declaración.
“Europa debe deixar de desperdiciar os seus recursos e os empregos potenciais asociados a estes en vertedoiros e incineradoras”, segundo o Dr. Warhust.
O informe está en mans da Comisión Europea para mellorar o aproveitamento dos residuos e a reciclaxe. Con este fin, Amigos de la Tierra solicita á Unión Europea que adopte obxectivos máis elevados de reciclaxe e que deixe de verter e incinerar materiais reciclables.