Estupor e indignación ante os consecutivos vertidos no río Cabe en Monforte

Amigos da Terra ven de denunciar os continuos vertidos ao río Cabe, ao seu paso pola vila de Monforte de Lemos, que en menos dun mes se veñen producindo de xeito reiterado e no pasado mes de febreiro quedaba prohibida a pesca nun tramo de 2,6 km de río entre Piñeira y Distriz.

Estes vertidos véñense producindo de xeito continuado ao longo de todolos os anos, xa que non é a primeira vez que ocorren estes feitos, e son habituais cando chegan as épocas de chuvias e que xa foran denunciados en repetidas ocasións pola veciñanza da zona.

Unha vez mais na tarde de onte, nas proximidades do embarcadoiro do Parque dos Condes, en pleno centro da vila, piragüistas, xubilados e familias que transitaban polos arredores, puideron presenciar con espanto e desconcerto, como un profuso fluxo de auga turbia, de cor marrón e con restos flotantes (papel e produtos de hixiene feminina incluídos), procedentes dun colector que estab vertendo as augas residuais directamente e entraba con forza no leito do río Cabe.

A escena volveuse aínda máis triste e repugnante cando os cativos, chegando do seu adestramento, tiveron que atravesar coas piraguas a vergoñenta mancha contaminante, que pouco despois sería “visitada” por dous fermosos cisnes brancos que se achegaron curiosos, quizais buscando alimento, á nomeada zona.

Polos comentarios, parece que non é a primeira vez que sucede este tipo de vertido no lugar, o cal apunta a un grave desleixamento de cara a un dos elementos máis emblemáticos da cidade monfortina: o río Cabe; inspiración para poetas como Manuel María, e declarado como lugar de importancia comunitaria (LIC) e zona especial de conservación (ZEC) , pero que na vila de Monforte non o teñen en boa consideración.

A orixe de ditos vertidos vai ser denunciada ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que realice as inspeccións correspondentes por parte da administración, e solicitando información sobre as medidas que se están a adoptar para pór fin a unha grave situación ambiental á que está sendo sometidos os ríos e a imposición das sancións que correspondan.

Esta tarde o río Cabe non baixaba cheo de vaidade, nin riseiro, nin oufano; esta tarde o río Cabe murmuraba triste e avergoñado.

Poemiña do río Cabe (Manuel María)

Ouh Cabe, meu río Cabe,

marmurador e riseiro,

¡tés a tenrura da ave,

pasas cantor e lixeiro!

Mandou a estrela da sorte

que espallaras a cidade.

¡Cándo pasas por Monforte

vas cheo de vanidade…!

¡Non lle temes ao castelo,

as pontes non te domeñan!

¡Sigues, ufano e sinxelo,

sen soltas que te deteñan!

¡Corres lixeiro, xentil

e sen deixar de cantar!

¡Nas augas fondas do Sil

sigues camiño do mar…!

Ouh Cabe, meu río Cabe,

transparente e xogoral:

¡o teu marmurio suave

é a cantiga do Val!

Cancioneiro de Monforte de Lemos (1990)