maragarita

Dende Amigos da Terra consideramos que a creación dunha nova planta incineradora no sur de Galicia non é a solución adecuada para a xestión do gran volume de residuos xerados na nosa comunidade e pedimos un cambio de dirección no modelo que a Xunta propón no plan de residuos, baseado na incineración.

Ante as últimas declaracións do Presidente da Deputación de Ourense, nas que amosa o seu desexo de que a provincia sexa a elixida para acoller a nova planta incineradora do sur, manifestamos o noso rexeitamento á mesma, tanto en Ourense coma en calquera outro municipio galego, como falsa solución para a xestión dos residuos.

Así mesmo, propoñemos que a Xunta de Galicia de marcha atrás na súa decisión e siga os modelos de outras rexións europeas, apostando pola redución na xeración de residuos e pola compostaxe, así como o abandono do modelo insostible e contaminante da incineración.

Cada galego e galega xera na actualidade 442 kg de residuos ao ano, dato que nos sitúa por debaixo da media española (preto dos 600 kg) e aínda máis abaixo da media da UE. En cambio, en Galicia a Xunta incinera o 42,5% dos Residuos Sólidos Urbanos. Tendo en conta que a media europea está no 20%, e a española non chega ao 10% do total de residuos xerados, podemos concluír que Galicia ten o dubidoso mérito de ser hoxe unha das rexións lideres da incineración en España e en Europa.

O-modelo-galego

A construción dunha segunda planta incineradora no sur de Galicia, colocaríanos entorno aos 375 Kg de lixo por galego que anualmente serían enviados a incinerar. Unha cifra só superada hoxe por Dinamarca, con algo máis de 400 kg.

Que modelo de xestión de residuos queremos para Galicia ?

O goberno galego aposta polo modelo danés, que non conseguiu conter a xeración de residuos (801kg/persoa e ano, récord europeo) nin as emisións e riscos da queima do lixo (427kg/persoa e ano son enviados a incinerar).

Pero lonxe deste modelo, existen en Europa rexións que están a xestionar os seus residuos minimizando a incineración. A rexión de Flandes en Bélxica, é o espello no que a Xunta que Galicia se debe mirar de cara ao futuro. Esta rexión conseguiu reducir nun 73% a xeración de residuos entre 1996 e 2006 e segundo datos do 2007, recicla e composta o 75% dos seus residuos.

Dende Amigos da Terra propoñemos que en Galicia se faga unha aposta decidida pola redución na xeración de residuos, lonxe do escaso 10 % que establece o novo plan de residuos de Galicia de cara a 2020. Así mesmo, reclamamos para Galicia unha aposta clara pola compostaxe seguindo ao exemplo de Flanders, e a descentralización na xestión de residuos como as mellores solucións para este problema.