cumbre_teatro_22

Xusto antes do comezo do cumio UE- América Latina e Caribe do 18 de maio en Madrid, organizacións e movementos sociais impulsarán alternativas ás crises alimentaria, climática e económica e denunciarán as violacións de dereitos humanos cometidas por empresas europeas en América Latina. Casos de Unión Fenosa, Stora Enso e Holcim Frente a Tribunal Permanente

Amigos da Terra Internacional, xunto a outras organizacións sociais de América Latina e Europa, participa no Cumio dos Pobos “Enlazando Alternativas IV”, que terá lugar do 14 ao 18 de maio en Madrid en paralelo á reunión oficial de xefes de estado da UE-América Latina e o Caribe, para denunciar os impactos das políticas da UE e as empresas transnacionais nos pobos e o medio en América Latina.

Unha sesión do Tribunal Permanente dos Pobos, levarase a cabo no marco de “Enlazando Alternativas” para examinar algúns casos de violacións de dereitos humanos de empresas europeas en América Latina.

“En América Latina moitas das principais empresas europeas están seriamente involucradas en violacións de dereitos humanos e destrución do medio. Presentámonos ante a sesión do Tribunal dos Pobos con probas de violacións concretas por parte de transnacionais europeas aos DD.HH e ao medio, que non son atendidas nos mecanismos xurídicos existentes precisamente polo gran poder que teñen estas empresas nos nosos países”, manifestou Sebastián Valdomir, Coordinador Internacional do Programa de Xustiza Económica de Amigos da Terra Internacional.

Grupos de Amigos da Terra de América Latina e o Caribe (ATALC) están a presentar probas por abusos e violacións cometidos por tres grandes empresas transnacionais europeas:

  • A empresa española de enerxía Unión Fenosa está acusada en Guatemala por impoñer altos prezos da electricidade, cobramentos indebidos, cortes da subministración e persecución dos dirixentes comunitarios que protestan contra a empresa. Este caso é presentado por CEIBA – Amigos da Terra Guatemala, en conxunto con outras organizacións centroamericanas que tamén protestan contra os abusos de Unión Fenosa noutros países da rexión. Particularmente en Guatemala, dende outubro de 2009, oito dirixentes sociais destacados no reclamo pola expulsión da multinacional foron asasinados, catro deles en marzo de 2010.
  • A empresa forestal sueco-finlandesa Stora Enso está a ser acusada por NAT / Amigos da Terra Brasil e REDES / Amigos da Terra Uruguai, entre outras organizacións e movementos sudamericanos, por violar os dereitos dos traballadores en Brasil, por deforestación, redución da auga dispoñible en comunidades veciñas das súas plantacións, violación da lexislación territorial e un forte lobby sobre as autoridades -incluíndo o financiamento de campañas políticas- para debilitar as leis ambientais.
  • A empresa cementeira suíza Holcim está a ser denunciada por CENSAT Auga Viva / Amigos da Terra Colombia, CEIBA / Amigos da Terra Guatemala, e Otros Mundos / Amigos da Terra México, pola súa presenza nestes países, onde provocou impactos na saúde das comunidades próximas ás súas explotacións cementeiras, afeccións respiratorias e intoxicacións, contaminación ambiental con refugallos industriais e graves impactos sobre a auga, a agricultura de subsistencia e os dereitos á terra das comunidades indíxenas e campesiñas.

O cumio oficial UE-ALC pretende avanzar nunha asociación estratéxica entre ambas as dúas rexións baseándose principalmente nas negociacións de libre comercio. Para a UE, estes Tratados de Libre Comercio favorecerán aspectos como a innovación e as tecnoloxías axeitadas como motor do desenvolvemento sostible, o abatemento da pobreza e a inclusión social, pero os efectos nos países latinoamericanos son moi distintos.

“A UE di estar a estimular o desenvolvemento sostible e a inclusión social, pero as políticas e mecanismos comerciais que está a defender promoven falsas solucións que teñen consecuencias desastrosas para o xente e medio en América Latina. Por exemplo, a demanda europea de agrocombustibles está a causar estragos nos países onde as plantacións a grande escala xeran enormes problemas sociais e ambientais, e coloca a soberanía alimentaria en alto risco” expresou Christine Pohl, de Amigos da Terra Europa.

En particular os acordos de libre comercio e a liberalización dos investimentos que se están a negociar actualmente baixo a estratexia chamada “Europa Global” da UE favorecen unicamente ao capital financeiro e ás empresas transnacionais, ” expresou Christine Pohl.

Os grupos de Amigos de la Tierra tamén organizan actividades públicas en Madrid para propoñer alternativas a estas relacións entre a UE e América Latina baseadas exclusivamente nas negociacións de libre comercio e en xerar máis condicións de negocio para as multinacionais.

Hoxe, 13 de maio grupos de Amigos de la Tierra organizan unha xornada sobre os impactos en América Latina do modelo enerxético europeo, con especial énfase no debate dos agrocombustibles.