
A Consellería do Medio Rural publicou recentemente o Borrador da Lei de Montes de Galicia.
Logo dos encontros bilaterais, levados a cabo coa Dirección Xeral de Montes e o resto de axentes sociais (asociacións ecoloxistas, asociacións de empresarios, organizacións sindicais…) quedará elaborado un documento de síntese que será o resultado da refundición de todas as aportación dos axentes implicados.
O documento pasará á fase de información pública e abrirase o novo período de alegacións ao mesmo. Estímase que dentro de dous meses.
Pero todo isto tendo en conta que o Borrador da lei está xa concluído.
A aposta de Amigos da Terra, tanto para a Lei de Montes como para as políticas medioambientais, de desenvolvemento do rural, da política forestal…, pasa por buscar o maior consenso posible mediante a creación de mesas de traballo na que participen todos os axentes sociais representativos dos distintos sectores de Galicia, púxose na reunión mantida como exemplo, o dito na Comisión de Estudo sobre os Incendios Forestais no Parlamento de Galicia no 2006.
E así, as propostas que dende Amigos da Terra se teñen realizado no Consello Forestal, pasan pola creación de mesas de traballo sobre incendios forestais e sobre política forestal. Propostas ás que, por outro lado, se lles fixo caso omiso.
Amigos da Terra fixo chegar a queixa pola metodoloxía usada para a Lei de Montes galega, caso único en Europa:
1º.- Lei de Montes
2º.- Plan Forestal
3º.- Estratexía Forestal
Tanto na Lei estatal como no resto das leis sectoriales forestais de Europa, o proceso comézase deseñando a Estratexia Forestal, continuando co Plan Forestal e rematando coa Lei de Montes.
A futura Lei de Montes de Galicia afectará directamente, ás dúas terceiras partes do país galego. Desta Lei vai depender unha axeitada protección e conservación dos nosos montes e ecosistemas forestais de Galicia.
Ben seguro que, ademais e coma resto de leis forestais, a súa vixencia vaise dilatar no tempo (a anterior Lei de Montes estatal estaba en vigor dende 1957).
É importante reflexionar sobre a política forestal que é levada adiante en Galicia e que trouxo como consecuencias numerosos e repetidos incendios forestais, falla de protección das masas boscosas autóctonas, falla de protección dos ecosistemas forestais máis valiosos, visión exclusivamente productivista dos nosos montes…
Tendo en consideración que se está a falar dun sector estratéxico para o país (ecolóxica, económica e socialmente); tendo, ao mesmo tempo en consideración, o VI Programa Comunitario sobre Medio Ambiente; tendo en consideración os distintos informes, dictámes, acordos…de ámbito internacional, comunitario, estatal…dende Amigos da Terra insístese no consenso que a política forestal precisa en Galicia, e que a Lei de Montes ten que ser elaborada mediante o principio da participación pública dos distintos axentes sociais representativos.
Esperando, tal e como se comunicou na xuntanza pasada, que, antes da aprobación definitiva do Borrador da Lei de Montes, se faría chegar o mesmo, para ulteriores aportacións.