
Hoxe celebramos o Día Mundial da Auga, unha data na que remarcamos a falta de concienciación e sensibilización que existe sobre un recurso finito e de vital importancia para o noso planeta. O lema deste ano é, “Auga limpa para un mundo saudable”, en referencia á calidade dos recursos hídricos e a súa relación co benestar da poboación e os ecosistemas.
Dende Amigos da Terra queremos recalcar a falta de sensibilidade das administracións e moitas empresas sobre un ben público tan valioso, xa que continuamente aparecen novas nos medios de comunicación sobre verteduras non autorizadas aos nosos ríos ou sobre construcións de novos encoros, que provocan unha serie de despropósitos ambientais, na maioría dos casos, de difícil reparación e que levan consigo a perda deste recurso hídrico.
Observamos así mesmo, un continuo incumprimento da normativa ambiental e fluvial. Por exemplo o principio de prevención, que evitaría en moitos casos catástrofes ambientais nos nosos ríos e fontes, así como o incumprimento do principio de restauración: “Quen contamina paga”, acadando que moitas veces para os infractores sexa máis rendible pagar a multa que cumprir coa lei.
Para Amigos da Terra non se está a facer o suficiente para protexer un ben tan prezado para os seres humanos como é a auga, polo que demandamos que dende a administración se obrigue a cumprir as normas, como as 12 inspeccións anuais que marca a Lei de augas. Ademais, consideramos de vital importancia que se impoñan outro tipo de sancións complementarias ás económicas (revogación de autorizacións, peche de instalacións ás empresas contaminantes, etc.) para que deste xeito, non saia tan rendible cometer unha agresión ambiental e por suposto, esiximos ás empresas que deixen de mercadear cun ben que é de carácter público.
Teñamos sempre presente que a auga, fonte de vida, é un ben prezado que a natureza pon o noso alcance, e nós podemos facer moito para gozar de auga potable, limpa e libre de contaminación.