Amigos da Terra solicitou en varias ocasións á delegación de Industria de Ourense o Plan de Labores Anual dunha das explotacións mineiras sitas no municipio ourensá de Toén, sen que este foxe remitido á organización que finalmente interpuxo queixa ante o Valedor do Pobo.


A Lei de Minas de 1973 e o Regulamento que a desenvolve de 1978, regulan no seu articulado a obriga que ten o titular da explotación mineira de presentar ante a delegación provincial de Industria o Plan de labores anual, axustado a un modelo oficial e asinado polo técnico responsable.

Fonte: Amigos da Terra. Explotación abandonada e non restaurada. Toén

Este Plan contén datos como a definición das escombreiras, tamaño, situación, pendente ou sistema de restauración da explotación mineira.

Áridos que chegan aos arroios de Toén

A normativa establece que o incumprimento desta obriga supón a imposición de sancións que van ata os 300 euros e a reincidencia da situación de obviar a presentación de dito Plan, suporá a caducidade da autorización de explotación.

Desembocadura dos arroios co arrastre de áridos ao río Miño

Pola súa parte, a recente Lei de Ordenación da Minería de Galicia contén a obriga de presentar o Plan para a súa aprobación polo órgano mineiro competente e cumprimentado e asinado polo director facultativo.

Ante esta situación, Amigos da Terra interpuxo queixa ante o Valedor do Pobo en febreiro do presente ano, a cal foi admitida a trámite. Esta institución xa enviou á organización ambientalista dous escritos nos que expón a súa imposibilidade á hora de obter dito Plan e que continua a súa insistencia e esixencia á delegación de Industria para que llo facilite.

É doado pensar que o Plan non existe e que a administración non foi quen de obrigarllo ao titular da explotación. Os intereses que nesta zona existen ao redor das explotacións mineiras, e coa presunta conivencia administrativa que estas obteñen, fóra de todo uso legal, deixan desamparado un dos bosques caducifolios máis importantes da provincia de Ourense.

Dende o colectivo ecoloxista din que a promulgación de novas leis tendentes á protección do medio ambiente ou leis que conteñen artigos que inciden directa ou indirectamente na conservación do entorno, serán inútiles se os órganos encargados de facer cumprir o seu contido e, polo tanto, facer cumprir a legalidade, omiten funcións das que son competentes en detrimento do medio ambiente.