A formación intermedia en mestría en compostaxe, ten como obxectivo formar a persoal que, alén dos coñecementos do RLC sexa capaz de xestionar e manter as áreas de compostaxe. Será responsable de realizar un rexistro dos parámetros básicos do proceso e de realizar toma de mostras. Resolverá as incidencias detectadas polos RLC e, manexará adecuadamente técnicas e habilidades de comunicación para informar a diferentes públicos en experiencias de compostaxe doméstica e comunitaria.

A temática que se desenvolverá nos cursos abordará o ciclo completo da fracción orgánica dos residuos, desde a súa recollida en orixe ata a súa xestión, mediante compostaxe doméstica e comunitaria fundamentalmente, e a aplicación do produto final, que pode dar lugar á creación de proxectos en colaboración con outras entidades como a rexeneración de espazos degradados ou a creación de hortas ou de zonas verdes.
Ademais abordaranse outros aspectos como a xestión dos residuos en función dos territorios, poñéndoa en relación co contexto de emerxencia climática e coa lexislación que lle aplica, sen obviar a educación ambiental, os riscos laborais e a mención a outras formas de compostaxe descentralizada.
O curso consta de 9 módulos teóricos e dúas xornadas de prácticas e visitas a proxectos.

Esta formación é de carácter gratuito, pero as participantes deberán cubrir os seus custes de desprazamentos os dous días de prácticas.

Podes preinscribirte cubrindo este formulario.

Mara dúbidas ou máis información: maria.duran@amigasdaterra.net

 

Proxecto financiado a cargo da asignación do 0,7% do IRPF da Conselleria de Politica social da Xunta de Galicia.