No Corpus e Namasigüe, Amigas da Terra e a Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida (AMDV) está a implementar o proxecto “Mellora no acceso aos dereitos económicos, sociais, culturais e ambientais de mulleres rurais para un desenvolvemento inclusivo e sostible”. É unha iniciativa xurdida das necesidades identificadas coas Redes Municipales de Mujeres (RMM) e a Red Regional de Mujeres del Sur (RRMSUR) que está a ser financiada na liña feminista dos proxectos de cooperación internacional para o desenvolvemento da Xunta de Galicia.
O Corpus e Namasigüe son dous municipios do departamento de Choluteca, ao sur de Honduras, nos cales existen unhas inequidades de xénero moi marcadas para a participación plena e efectiva na toma de decisións, a prevención e atención da violencia de xénero e a esixibilidade dos dereitos das mulleres ante as autoridades e a xustiza. Para reducir estas brechas de xénero, impulsáronse dez procesos de formación orientados ao recoñecemento dos dereitos humanos das mulleres e o acceso á xustiza de xénero, nos que participaron 77 lideresas das RRM e 28 da RRMSUR, quen fortalece as súas capacidades en rede para incidir en políticas e orzamentos municipais. Logrouse a construción participativa de axendas das mulleres, así como a elaboración e seguimento dos Plans Operativos Anuais das Oficinas Municipales de la Mujer (OMM) do Corpus e Namasigüe. Unido a iso, desenvolvéronse 7 procesos de formación e incidencia política con promotoras e conselleiras legais, lideresas, axentes policiais e operadoras de xustiza para a atención integral a mulleres sobrevivientes de violencia. As promotoras e conselleiras legais que contan coas habilidades para atender a mulleres vítimas e sobrevivientes de violencia, realizaron o levantamento, análise e socialización da información para mellorar a aplicación da Lei contra a Violencia Doméstica.
En paralelo, está a implementarse unha campaña de incidencia e comunicación social con accións culturais educativas lideradas por mozas organizadas nun Movemento de Acción Feminista. Realizáronse dez procesos de formación e sensibilización sobre: creación de obras teatrais; masculinidades e corresponsabilidade; dereitos económicos, sociais, culturais e ambientais das mulleres; participación de mulleres e mocidades na defensa dos seus dereitos; e prevención da violencia de xénero. Realízanse accións de incidencia en encontros e mobilizacións rexionais, feiras educativas e foros culturais sobre Dereitos Humanos e Xustiza de Xénero. En total, participaron 783 persoas (541 mulleres e 242 homes), promovendo a transformación social de condutas machistas e patriarcais para unha vida libre de violencias de xénero.
O Corpus e Namasigüe forman parte do Corredor Seco de Honduras, un dos territorios do mundo máis afectados polos efectos do cambio climático. Por iso, o segundo compoñente do proxecto vincúlase ao dereito a unha alimentación e nutrición saudable. Realízase a vixilancia nutricional de nenas/os menores de cinco anos e mulleres embarazadas, identificando casos de desnutrición para a súa atención e seguimento e realizando a capacitación das familias en prácticas de hixiene e saúde preventiva. Tamén se promove a restauración participativa de ecosistemas coa implementación de boas prácticas agroecolóxicas. Os procesos formativos desenvolvidos en 6 Escolas de Campo Agroecolóxicas e 3 parcelas demostrativas para a produción artesanal de sementes con 85 promotoras agroecolóxicas comunitarias facilitaron diversificar e incrementar a produción de alimentos. Todo iso aplicando prácticas sostibles como elaboración de abonos orgánicos, conservación de chans, uso eficiente da auga, control ecolóxico de pragas e enfermidades e rescate cultural de sementes criollas.
A produción de alimentos nutritivos e saudables mellorou en 13 comunidades rurais do Corpus e Namasigüe con 107 hortos familiares, dos cales 82 aplican os 8 principios do método de cultivo biointensivo e lograron producir máis de 10 tipos de cultivos. Alén de cultivar cultivos de gransbásicos e hortalizas (chile doce, tomate, cenoria, ravo, remolacha, cogombro, chile indio, coandro, ayote, zapallo, millo amarelo, millo cuarentano, millo amarelo, frijol cuarenteno, frijol vermello…), as familias contan con árbores froiteiras (mango, papaya, limón, plátano maceira…).
O terceiro compoñente do proxecto está orientado a fortalecer a economía local co acceso a recursos económicos para mulleres organizadas. Para contribuír ao empoderamento económico e a sustentabilidade das súas iniciativas económicas, están a fortalecerse as capacidades organizativas, financeiras e operativas de 20 emprendedoras asociadas a 10 emprendementos individuais e 2 colectivos vinculados á produción, transformación e comercialización de alimentos e produtos propios da identidade cultural da zona sur de Honduras, como pan e rosquillas, comidas típicas como nacatamales, tacos, enchiladas e catrachitas ou mollos naturais. As emprendedoras foron formadas sobre elaboración de plans de negocio, legalización de emprendementos, conservación de alimentos, inocuidade alimentaria, etiquetaxe e estratexias de comercialización alternativa e diferenciada.
Para a posta en marcha e a sustentabilidade destas iniciativas, elaboráronse e/o actualizáronse 15 plans de negocio, incluíndo desde a identificación das necesidades ata as liñas de comercialización. Tamén se promoveu a integración dos seus produtos en plataformas de comercialización alternativa, foros rexionais, expoferias municipais e mercados locais. En total participaron máis de 650 persoas, incluíndo 32 emprendedoras do Corpus e Namasigüe.
Leave A Comment