Amigas da Terra e a Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida (AMDV) continuamos brindando acompañamento a mulleres rurais vulnerables.
20 representantes da Rede Municipal de Mulleres de Santa Ana de Yusguare participaron de forma activa en accións de incidencia política que culminaron na elaboración e aprobación do Plan Operativo Anual da Oficina Municipal da Muller, un proceso de coordinación interinstitucional para a efectiva execución do orzamento do 5% asignado a accións de xénero da corporación municipal. Deuse seguimento á súa implementación mediante cabidos abertos coa corporación municipal, reunións con autoridades municipais e espazos de participación cidadá como a mesa de orzamentos municipais sensibles a xénero e a Comisión Cidadá de Transparencia.
Así mesmo, realizáronse accións de control social á correcta aplicación da Lei Contra a Violencia Doméstica durante o ano 2025, complementadas con foros de socialización dos resultados destes procesos e marchas en datas emblemáticas.
Para a prevención da violencia contra as mulleres e as nenas, desenvolvéronse procesos de formación e asesoramento a 25 promotoras e conselleiras legais que contan con capacidades para o acompañamento e atención a mulleres en situación de violencia. En concreto implementáronse plans de acompañamento psicosocial, roteiros da denuncia e protocolos de actuación para promotoras e conselleiras legais.
En canto ás accións de sensibilización con obras artísticas continuouse o proceso de fortalecemento ás mozas do Movemento de Acción Feminista en coordinación co Centro Cultural Español en Tegucigalpa, quen presentou novas obras artísticas en foros culturais para o recoñecemento dos dereitos económicos, sociais, culturais e ambientais das mulleres no marco da Campaña dos 16 días de activismo para a prevención de violencia de xénero.
O proxecto tamén promoueve a soberanía alimentaria das mulleres e as súas comunidades. Para iso, desenvolvéronse 4 Escolas de Campo Agroecolóxicas (ECA) baseadas no Método de Cultivo Biointensivo. Un total de 80 promotoras agroecolóxicas encárganse de realizar a transferencia de coñecementos a través de réplicas comunitarias para producir hortalizas frescas, plantas medicinais e aromáticas e froitas nos hortos familiares biointensivos e nos patios dos fogares.
Co traballo colectivo desenvolvido nas ECAs, viuse fortalecida a organización local e xeráronse novas oportunidades para o desenvolvemento económico das familias involucradas no proxecto nas sete comunidades onde se implementaron os hortos familiares biointensivos. Ademais, mellorouse un 25% a produción de alimentos sans e nutritivos coa produción de dous a tres ciclos por ano, sementando sementes criollas, sen uso de agroquímicos e aumentando a diversidade de cultivos producidos. Esta diversificación facilita a implementación dunha dieta equilibrada coa preparación e consumo de alimentos saudables.
O terceiro elemento crave é o apoderamento económico das mulleres. 21 mulleres emprendedoras elaboraron plans de negocio de iniciativas económicas colectivas e individuais e participaron de xornadas de formación sobre márketing e atención ao cliente, así como procesamento e transformación de materias primas para a xeración de valor agregado. O obxectivo é a comercialización de excedentes dos produtos agroecolóxicos cultivados nas súas comunidades. Entre os tipos de emprendementos acompañados atópanse a elaboración e venda de: viños artesanais de flor de jamaica; pan artesanal, rosquillas e rosquetes; nacatamales de galiña india e de porco e tamales pisque de frijoles; zumes naturais de froitas; marmeladas; conservas de coco e leite e doces artesanais; e comidas típicas (tacos de pito, res e/o porco, enchiladas, catrachitas de frijoles e queixo…). Estes produtos cultivados e/o elaborados polas mulleres comercialízanse de forma directa a nivel local, en espazos organizados como expoventas, feiras agroecológicas e foros e a través da plataforma virtual Emprendedoras do Sur. O incremento dos ingresos xerados con estes emprendementos permítelles reducir a súa dependencia económica que é un factor determinante para que as mulleres saian do ciclo da violencia.
Actualmente, Honduras atópase nun período de transición de goberno tras un proceso electoral marcado por constantes irregularidades e denuncias de fraude, o cal xera unha conxuntura con moitas incertezas durante o proceso de toma de posesión por parte das novas autoridades, e pode afectar especialmente ás coordinacións realizadas no primeiro compoñente do proxecto. A nivel municipal, a continuidade do alcalde e gran parte da corporación municipal facilitará o cumprimento dos acordos de colaboración co goberno local para complementar con fondos municipais as actividades de formación e de produción nas ECAs e os hortos familiares biointensivos, así como as feira agroecolóxicas e outros espazos nos que se promove a participación activa das mulleres na toma de decisións.
Leave A Comment