As principais organizacións sociais, ecoloxistas e de cooperación lanzamos un posicionamento común para afrontar de forma conxunta a emerxencia ecolóxica e a vulnerabilidade social.
Reclamamos unha transición ecolóxica xusta, que a nivel global garanta dereitos básicos, reduza as desigualdades e poña os coidados e o emprego digno no centro.
Pedimos un novo modelo económico e social que respecte os límites do planeta e asegure unha vida digna para todas as persoas en calquera parte do mundo.
Ante o aumento da desigualdade e o agravamento da crise ambiental, as principais organizacións do Terceiro Sector de Acción Social, de Cooperación ao Desenvolvemento e de Acción Ambiental —entre elas a Plataforma do Terceiro Sector, A Coordinadora de Organizacións para o Desenvolvemento, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF— fixemos público un documento conxunto. Neste posicionamento común, A sociedade civil ante a vulnerabilidade social e a emerxencia ecolóxica, alertamos de que a emerxencia ecolóxica e a vulnerabilidade social son dúas caras da mesma moeda.
Estas entidades, que representamos a miles de organizacións en toda España, advertimos de que o actual modelo económico e de consumo está a provocar unha dobre crise: a degradación do planeta e o aumento da pobreza e a exclusión. Por iso, pedimos respostas urxentes e coordinadas que sitúen ás persoas no centro da acción climática e que transformen o modelo de desenvolvemento cara a un máis xusto, solidario e sostible.
Segundo o documento, os fenómenos meteorolóxicos extremos, as ondas de calor ou a perda de biodiversidade teñen consecuencias directas na saúde, a alimentación e os dereitos fundamentais de millóns de persoas. Cada ano, máis de 20 millóns vense obrigadas a abandonar os seus fogares por causas ambientais, mentres a fame e a pobreza aumentan nos países máis empobrecidos.
A emerxencia climática e ecolóxica agrava as desigualdades existentes e afecta de forma desproporcionada a mulleres, nenas e colectivos en situación de vulnerabilidade social ou climática. Urxe unha transición ecolóxica xusta que permita paliar a crise ambiental e corrixir as desigualdades sociais e de xénero, garantindo unha vida digna para todas as persoas.
Entre as principais propostas, reclamamos avanzar cara a unha economía verde, local e circular que abandone o paradigma do crecemento económico a calquera prezo. Defendemos un sistema que reduza a pobreza e as emisións, promova no marco democrático a igualdade de xénero e protexa os recursos naturais.
Tamén pedimos unha fiscalidade xusta e sostible que faga recaer o maior esforzo en quen máis riqueza acumulan e que reforce a loita contra a fraude e a evasión fiscal. O documento expón ademais impulsar os empregos verdes, garantir servizos públicos de calidade e recoñecer o valor económico e social dos coidados, claves para o benestar colectivo e para o equilibrio territorial.
A transición ecolóxica pode ser unha oportunidade para xerar emprego digno e reducir a desigualdade, pero debe facerse con xustiza e sen deixar a ninguén atrás.
O posicionamento conxunto lembra que a Asemblea Xeral de Nacións Unidas recoñeceu en 2022 o dereito a un medio ambiente limpo, saudable e sostible como un dereito humano fundamental. Por iso, esiximos que os dereitos básicos (alimentación, vivenda, enerxía, educación ou saúde) estean garantidos para todas as persoas, tanto en España como no resto do mundo.
O acceso a unha vivenda digna e eficiente, a unha alimentación saudable ou á enerxía limpa non pode ser un privilexio, senón un dereito. Neste sentido, reclamamos reforzar a cooperación internacional e actuar baixo o principio de responsabilidades comúns pero diferenciadas, xa que os países que máis sofren as crises son os que menos as provocan.
Subliñamos tamén a importancia da educación como ferramenta de transformación social. Apostar por unha educación pública, inclusiva e sostible é clave para reducir desigualdades e promover valores de xustiza social, igualdade e respecto ambiental.
A educación para a transformación e a xustiza global é esencial para promover un cambio de actitudes e valores. Non haberá sustentabilidade sen unha cidadanía informada, crítica e comprometida.
Chegouse a un punto de non retorno. Fronte ao modelo de crecemento ilimitado, reclamamos unha nova cultura de colaboración e esforzo compartido, baseada nos cinco eixos da Axenda 2030: as persoas, o planeta, a prosperidade, a paz e as alianzas.
O Pacto Verde Europeo debe ser a folla de ruta cara á neutralidade climática, pero cun enfoque verdadeiramente social. Reclaman ademais que os compromisos internacionais se tradúzan en medidas reais e en financiamento suficiente para facelos efectivos.
Por último, comprometémonos a traballar unidas para liderar a loita por un futuro máis xusto e sostible, colaborando con administracións, empresas e cidadanía.
Ningún reto global poderá ser abordado desde solucións individuais. Coidar das persoas e do planeta non son camiños distintos, senón a mesma tarefa