A organización presenta a nova web de Alargascencia, como unha alternativa ao modelo de sobreproducción que agrava a crise climática e ocasiona violacións de dereitos humanos en todo o mundo.
Amigas da Terra esixe ao Goberno medidas que limiten o poder desmesurado das grandes empresas, garanta produtos máis duradeiros e o dereito para reparar.
Na semana máis consumista do ano marcada polo Black Friday, Amigas da Terra lanza a web renovada de Alargascencia con máis 1.200 comercios locais, baixo o lema “as cousas arránxanse”. A campaña da organización ecoloxista, que busca alongar a vida útil das cousas, volve á carga para loitar fronte á obsolescencia programada e o modelo de produción e consumo actual.
Este ano o Black Friday chega xusto ao finalizar o Cume do Clima, cando hai evidencias de que o modelo económico actual baseado no extractivismo e a sobreproducción, principal responsable da crise social e ecolóxica, levou ao planeta a alcanzar por primeira vez uno dos puntos de non retorno.
Amigas da Terra denuncia esta situación de consumismo desenfreado a través da súa campaña Alargascencia e esixe ao Goberno que estableza medidas para garantir un modelo de produción e consumo acorde cos límites planetarios. Neste sentido relanza a súa web Alargascencia para apoiar aos comercios e talleres locais de reparación, alugueiro ou compra de segunda man dirixidos a alagar a vida de produtos como roupa, aparellos electrónicos, electrodomésticos ou mobles entre outros obxectos. A web xa conta con máis de 1.200 establecementos en todas as provincias e pretende que cada vez se somen máis comercios locais.
Agora que se está elaborando a Lei de Consumo Sostible, a asociación ecoloxista tamén reclama ao Goberno limitar o poder de grandes marcas e empresas, que os produtos se fabriquen para ser máis duradeiros, reparables e sostibles, e garantir un dereito para reparar a prezos alcanzables.
Nos últimos 30 anos a fabricación de aparellos como smartphones e portátiles disparouse. Cada ano póñense no mercado en España 25 millóns destes dispositivos. A xeración deste tipo de residuos creceu a un ritmo maior, debido a unha vida útil cada vez máis curta. Na actualidade, un smartphone é refugado de media aos 3,5 anos de vida. Esta substitución non se debe en xeral a fallos físicos do produto, senón á “obsolescencia programada”. Como resultado, os residuos electrónicos son o fluxo de residuos que máis crece na Unión Europea.
Duplicar a vida útil de móbiles e portátiles en España podería evitar emisións de CO2 equivalentes ás emisións anuais de 17.000 vehículos privados tal e como conclúe un estudo de Amigas da Terra elaborado xunto coa Universidade de Zaragoza. Promover Alargascencia, é dicir, medidas para alongar a vida útil das tecnoloxías, non só supón beneficios á hora de abordar a crise climática senón para aforrar enerxía. Ao alongar un ano tan só a vida útil de cada smartphone de 2024 a 2040 reduciríase o consumo de enerxía en 1.389 Gwh, o equivalente ao consumo eléctrico anual dunha cidade como Zaragoza.
A extracción de minerais carrexa consecuencias extremadamente graves. Hai unha semana, o derrubamento dunha mina de cobalto en República Democrática do Congo deixou, polo menos, setenta persoas falecidas. Estímase que o 70 % do cobalto a nivel mundial, un metal esencial para a industria de armamento e as baterías de coches eléctricos, extráese neste país. Para Amigas da Terra, este episodio é un lamentable exemplo de como a carreira polos minerais ten impactos devastadores, especialmente para as poboacións do Sur Global, onde as multinacionais mineiras aprovéitanse dunha regulación ambiental e en materia de dereitos humanos case inexistente.
A organización solidarízase coas vítimas e esixe á Unión Europea que poña fin aos acordos comerciais para a obtención de minerais, xa que agravan a desigualdade e a vulneración de dereitos. “A Unión Europea debe poñer fin ao extractivismo voraz que, dentro e fóra de Europa, está a esmagar os dereitos das poboacións locais e o medio ambiente. En lugar de impulsar o boom mineiro, os gobernos deberían priorizar alargascencia e o dereito para reparar”, afirma a organización.
Alongar a vida destas tecnoloxías supón un aforro destes minerais e reducir a necesidade de minería. Por exemplo, alongar a vida útil dos móbiles en España tan só un ano permitiría aforrar 203 toneladas de cobalto de aquí a 2040.
Ante os retos que expón a crise social e ecolóxica, a organización destaca a oportunidade que representa o proxecto de Lei de Consumo Sostible que está a preparar o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para establecer medidas efectivas para alongar a vida dos produtos postos no mercado.
Notas:
Informe: Alargascencia, beneficios ambientales de alargar la vida útil de los móviles y portátiles en España.
Leave A Comment