Amigas da Terra continúa traballando coa Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida en Honduras pola protección e defensa dos dereitos das mulleres.

Coa financiación de Cooperación Galega (Xunta de Galicia), iniciouse neste ano un novo proxecto nos municipios de El Corpus e Namasigüe, no departamento de Choluteca.

O proxecto centra a súa actuación na prevención da violencia contra as mulleres, pero tamén na posta en marcha de iniciativas agroecolóxicas que permitan ás mulleres mellorar a nutrición das súas familias e conseguir independencia económica a través de emprendemento rurais liderados por elas mesmas.

No eido da prevención das violencias machistas, estase traballando no fortalecemento das Oficinas Municipais da Muller e a Red de Mulleres de ambos os dous municipios. Tamén se está a desenvolver un plan integral de acompañamento a Delegadas e Promotoras Legais comunitarias. Estas promotoras son mulleres que acompañan a outras mulleres sobrevivintes de violencia para formalizar denuncias ante as administracións competentes ofrecendo, ao mesmo tempo, acompañamento e apoio emocional.

No eido alimentario, fomentaranse hábitos de consumo saudables entre familias vulnerables e implementaranse 4 Escolas de Campo Agroecolóxicas para poñer en marcha hortos familiares baixo o método biointensivo.

Por último, no eido económico, impulsaranse iniciativas económicas (16 individuais e 4 colectivas) para xenerar negocios para a venda de produtos agroecolóxicos (excedentes de cultivo e produtos transformados), así como outros produtos que poidan venderse en mercados locais. As mulleres emprendedoras participarán de formacións para a mellora da comercialización e da xestión empresarial. Tamén se facilitará o artellamento con cooperativas e empresas privadas para a xestión de créditos que faciliten a sostibilidade do seus negocios.