Amigas da Terra iniciou un novo proxecto de cooperación en Nicaragua da man da ONG local Asociación para el Desarrollo del Norte de Chinandega (ADENOCH) e coa financiación da Xunta de Galicia.
O proxecto desenvolverase ata decembro de 2026 e ten por obxectivo desenvolver mecanismos locais para a xestión sostible de 2 unidades hidrográficas de Chinandega, Arenal-El Ubutu e Tecomapa, priorizadas pola súa importancia ambiental e socioeconómica.
Unha das liñas de acción orientarase á creación e/ou fortalecemento dos comités de conca, favorecendo a integración das mulleres nestes órganos. Elaboración de plans comunitarios de xestión, seguimento de análisis que permitan coñecer o estado das principales fontes de auga ou coordinación con outras organizacions locais como redes de mulleres ou brigadas comunitarias para favorecer unha planificación conxunta, son algunhas das actuacións que se levarán a cabo neste eido.
Complementariamente tamén se fomentará a resiliencia socioambiental e a equidade na actividade produtiva das comunidades rurais das concas. Trátase de que as persoas produtoras que levan a cabo a súa actividade produtiva neses territorios adopten tecnoloxías sostibles para enfrontar o cambio climático. Así mesmo, facilitarase o acceso das mulleres a medios produtivos e a aplicación de prácticas sostibles nas leiras.
Na produción acuícola fortalecerase unha cooperativa da acuicultura artesanal en zonas baixas da conca, mellorando o manexo nutricional, a infraestrutura e a vixilancia de parámetros físicoquímicos da auga, á vez que se executan campañas de conservación de manglares e áreas costeiras
No eido agroecolóxico impulsarase o acceso a semente adaptada e mellorada para a produción de grans básicos en áreas rurais, artellando procesos de formación a través de Escolas de Campo Agroecolóxicas e establecendo hortos familiares mediante o método biointensivo, que garantan produción alimentaria en pequena escala con enfoque ecolóxico.
Leave A Comment