Lanzamos a web dietaclimatica.org a través da cal demostramos o aforro de pegada ecolóxica que supoñería unha dieta baseada en alimentos agroecolóxicos producidos na nosa contorna próxima.

A web inclúe unha calculadora coa que poderás ver cal é a túa pegada ecolóxica e ver canto aforrariamos en emisións de CO2, combustibles fósiles e no uso de terra se nos pasamos a unha Dieta Climática.

Desde Amigas da Terra lanzamos unha calculadora da pegada ecolóxica da alimentación, na que poderás ver canto consumes de emisións, terra e enerxía e canto poderías aforrar cunha Dieta Climática. Os datos para a mesma veñen dados por unha investigación elaborada xunto ao CSIC que lanzamos o pasado mes de xuño. Segue esta ligazón para ver a túa pegada ecolóxica e o aforro que poderías conseguir cunha dieta climática baseada en alimentos agroecolóxicos.

Os nosos sistemas alimentarios condicionan os ecosistemas. Con todo, segundo o modelo que utilicemos, podemos respectar a vida ou afectar de forma negativa con graves impactos sociais e ambientais, como é o caso da agricultura e gandería industrial.

O modelo de agricultura e gandería industrial actual provoca deforestacións masivas, perda de biodiversidade, esgotamento do chan, contaminación, escaseza de auga e contribúe a agravar a crise climática.

Nun contexto de crise climática, ambiental, económica e social, que pon en risco a supervivencia da humanidade e da natureza tal e como se coñece, o sistema alimentario globalizado, que depende de estratexias de intensificación e industrialización, é un dos principais responsables desta grave situación.

Desde Amigas da Terra propoñemos unha Dieta Climática, un menú que non só pon o foco nos alimentos que consumimos, senón no modelo de produción que necesitamos: un sistema alimentario baseado na agroecoloxía, a proximidade, alimentos de tempada e cultivos a pequena escala.

Por iso creamos a web dietaclimatica.org cunha calculadora para saber cal sería a túa pegada ecolóxica actual e coñecer o aforro que conseguirías ao consumir unha dieta climática. Pescúdao!

Ademais, poderás consultar menús de tempada e receitas agroecolóxicas, libres de pesticidas, libres de CO2, libres dun consumo desmesurado de auga que che facilitarán o camiño cara a unha Dieta Climática.

A agroecoloxía é clave no cambio. A través dela apoiamos as pequenas produtoras locais e consumimos alimentos de tempada, ademais estaremos a fortalecer a comunidade e reduciremos o impacto ambiental e social de producir os alimentos.

A web baséase na guía, elaborada en colaboración co CSIC, na que se demostran as melloras que poderían conseguirse a través dun menú saudable e dentro dos límites planetarios, adaptado ao contexto rexional. Esta Dieta Climática baséase na capacidade do territorio español para producir o 99% dos alimentos de forma agroecolóxica para alimentar ao conxunto da poboación española.

Este cambio non é individual, é necesario premer ás administracións para que promovan este cambio, é aínda máis crucial cambiar as políticas públicas para lograr unha transformación estrutural do modelo. Por iso, o activismo e a presión social que fagamos serán clave! Necesitamos que a nosa maneira de alimentarnos forme parte dun sistema alimentario xusto que coide a natureza.