Con mais de 125.000 hectáreas queimadas en Galicia e 119.000 na provincia de Ourense, na vaga de incendios dos últimos meses de agosto e setembro, que estragaron e estragan o corazón dos espazos naturais de máis valor coma Raia Seca, Serra do Larouco, Serra de Meda, Macizo Central Ourensán (Serra de San Mamede, Queixa, Manzaneda, Montes do Invernadeiro, Serra de Fíal das Corzas), Val de Monterrei, Montes da Gudiña e da Mezquita, Serra de Penas Libres, as Trevincas, Val de Valdeorras, Terras de Trives, O Courel, Faro de Avión, Carballeda de Avia, Montes de Melón…

… Que podemos facer agora?

 

Dende Amigas da Terra elaboramos unha serie de recomendacións e difundimos un protocolo de actuación para a rexeneración dos solos queimados, para actuar despois dos lumes e botarlle unha man ao monte.

Como actuar despois dos Lumes

Cal será o protocolo de actuación: Novamente collerá por sorpresa á administración. Unha vez apagado o lume no monte empezará o segundo incendio nas declaracións políticas. O goberno terao claro. A culpa será dos incendiarios. A oposición terao claro: A culpa será das políticas da Xunta. O goberno explicará a abundancia de medios e a súa excelente coordinación e a oposición criticará a ausencia de medios e a súa descoordinación. Ambos terán razón. Seguiremos actuando sobre os efectos sen cambiar as causas. A política forestal seguirá sendo errática e guiada por criterios produtivistas desprezando a multifuncionalidade do monte. O abandono do rural seguirá avanzando cunha poboación galega maioritariamente urbana. As antigas terras de cultivo serán ocupadas por cultivos forestais pirófitos que meterán o incendio nas casas e a cultura do lume como ferramenta de xestión seguirá sendo amparada por unha tolerancia social que reaccionará cando o lume chame á porta da súa casa.

Amigas da Terra insistirá en que tras catro décadas aplicando as mesmas políticas fronte aos incendios non conseguiremos resultados diferentes. A organización ecoloxista exporá na seguinte onda de incendios que se o problema é fundamentalmente social só poderemos solucionalo usando instrumentos sociais. Educación ambiental para os actores e axentes sociais determinantes que agora teñen na súa man empezar ese cambio social. Amigas da Terra aposta por un mundo rural vivo, sustentable e armónicamente respectuoso coa natureza. Só iso terminará cos incendios.

 

Maís información de interese:

Manual de Rexeneración de Montes Incendiados

Manual do plantafragas

Que facer con animais afectados en incendios forestais