Sentenza histórica: Un tribunal recoñece a vulneración de dereitos fundamentais nas Conchas pola contaminación da gandería industrial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou hoxe unha sentenza histórica que confirma que as autoridades estatais e rexionais vulneraron os dereitos humanos dos residentes, tanto segundo a Constitución Española como segundo a lexislación europea de dereitos humanos, ao non xestionar a contaminación sen precedentes xerada por centos de explotacións porcinas e avícolas na comarca da Limia.

A Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil foron obrigadas a adoptar de forma inmediata as medidas necesarias para poñer fin aos malos cheiros e á degradación ambiental do encoro das Conchas e os seus arredores, restaurando así o pleno goce do dereito á vida dos seus cidadáns.

Esta sentenza representa un paso crucial cara ao recoñecemento de que os devastadores impactos da gandería industrial non son só unha cuestión de políticas públicas, senón tamén de dereitos humanos.

As avogadas de ClientEarth e Amigas da Terra afirman que este caso abre o camiño para que comunidades afectadas en toda Europa poidan presentar demandas similares e esixir xustiza e protección ás súas autoridades.

A poboación das Conchas leva anos sufrindo a contaminación severa do encoro e do río:  problemas de saúde sen explicación, brotes severos de cianobacterias, un cheiro insoportable na contorna, e todo debido á contaminación por nitratos e bacterias dos seus acuíferos. Esta situación puxo en xaque aos negocios locais e a vida no municipio fíxose totalmente inviable. A pesar das probas científicas sobre a contaminación do encoro, as autoridades seguiron ignorando o problema, e mesmo chegando a autorizar a celebración dun torneo de piragüismo durante un dos moitos episodios de proliferación de cianobacterias tóxicas. 

Un grupo de nove demandantes, persoas e organizacións, entre as que se atopa a Federación de Consumidores e Usuarios CECU, apoiado por ClientEarth e Amigas da Terra, levaron o caso ante os tribunais. Trátase dunha demanda histórica contra diversas administracións, incluída a Xunta de Galicia, que denuncia, entre outras cuestións, a inacción institucional fronte aos impactos na saúde e o medio ambiente, e a permisividade da expansión descontrolada da gandería industrial, a pesar dos reiterados danos demostrados.

Durante as vistas xudiciais, os peritos presentaron probas coas que demostraban que os niveis de contaminación por nitratos no encoro e a conca  do río Limia chegaron mesmo a superar en 1.000 veces o permitido. Os nitratos son un factor de risco recoñecido de diversos tipos de cancro, como o de tiroides, mama, ovario, estómago, páncreas e vexiga. Os peritos tamén presentaron evidencias da presenza de superbacterias resistentes a antibióticos, consideradas unha das dez principais ameazas para a humanidade.

Na sentenza histórica publicada hoxe, o tribunal establece o seguinte:

“Os dereitos humanos e a protección do medio ambiente son interdependentes. Así un medio ambiente sostible é necesario para o pleno goce dos dereitos humanos, incluídos os dereitos á vida, a un nivel de vida adecuado, e á auga potable e o saneamento, á vivenda, á participación na vida cultural e ao desenvolvemento.”

Este caso histórico marca un precedente na defensa dos dereitos fundamentais fronte á contaminación de acuíferos ocasionada pola gandería industrial. O mesmo baséase na Constitución española, no Convenio Europeo de Dereitos Humanos e en normativa medioambiental europea e estatal para demostrar que as autoridades incumpriron a súa obrigación legal de protexer á poboación fronte aos danos provocados pola contaminación do río Limia e do encoro das Conchas.

O fallo envía unha mensaxe clara ás autoridades: teñen o deber legal de actuar cando a saúde pública e o medio ambiente están en risco.

Pablo Álvarez Veloso, presidente da asociación de veciños local e demandante no caso, declarou:  

Despois de tantos anos de loita incansable, de sentirnos abandonadas e abandonados, ignorados por quen debía protexernos, hoxe por fin nos escoitaron. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recoñeceu o que levamos tanto tempo denunciando: os nosos dereitos foron vulnerados pola inacción das administracións fronte a  a contaminación da gandería industrial”.

Esta sentenza histórica fainos máis fortes. Non imos parar ata que o encoro volva ser un lugar de vida, onde poidamos pasear, nadar e beber sen medo. Seguiremos premendo para que as autoridades cumpran coa súa responsabilidade e poñan en marcha solucións reais, non promesas baleiras”.

E sobre todo, soñamos que isto marque un antes e un despois para moitas outras comunidades en Europa, que saiban que non están soas, que si se pode, que a xustiza, ás veces, chega. Hoxe celebramos, xa non nos poderán calar”.

Mercedes Álvarez de León, demandante no caso e empresaria local, declarou:  

É un gran alivio e unha alegría inmensa. Xa estabamos totalmente desesperados e por fin se recoñecen todos estes anos de angustia e sufrimento. Na vista xudicial demostrouse a gravidade da situación na zona, os altos niveis de contaminación dos acuíferos e o risco que supoñen para a miña saúde e a da miña familia. A situación afectounos enormemente ata o punto de non poder facer unha vida normal”.

Tras anos de ser ignorados polas autoridades locais, por fin se fai xustiza. Espero que algún día a nosa vida e a dos nosos fillos volva ser a que era. Ademais esta sentenza axudará a máis comunidades como a nosa a defender os seus dereitos. É sumamente preocupante saber que nos trataron como unha «zona de sacrificio», saber que vulneraron os nosos dereitos fundamentais. Quero que este caso sirva de lección ás administracións de toda España e Europa: é a súa responsabilidade protexer á súa xente e recuperar o control ante a contaminación da gandería industrial. Agora quero que a nosa loita sirva como exemplo para que escoite a outras comunidades, que non calen e loiten polos seus dereitos”. 

Nieves Noval, avogada de ClientEarth, sinalou: 

O fallo decisivo de hoxe marca o inicio do camiño cara á xustiza para os demandantes, que levan anos sufrindo sen a protección das súas autoridades. Tamén representa unha oportunidade sen precedentes para as comunidades que viven nas chamadas ‘zonas de sacrificio’ en toda Europa”.

Non se pode obrigar ás comunidades locais a cargar co peso da contaminación provocada pola gandería industrial. As autoridades teñen a obrigación legal de protexer os dereitos fundamentais da cidadanía, e deben cumprila.”

Este caso non se limita a Galicia; estes focos de contaminación están presentes en todas partes. Seguiremos apoiando as persoas que viven en “zonas de sacrificio” para esixir un cambio sistémico nos nosos sistemas alimentarios e para protexer os seus dereitos fundamentais”.

Impulsada polos mercados de exportación, modelos de produción baratos e unha débil regulación ambiental, a expansión descontrolada da produción intensiva de carne de porco nas últimas dúas décadas tivo impactos devastadores en toda España. Nos 12 meses previos a febreiro de 2025, sacrificáronse máis de 53 millóns de porcos, o que converte a España no principal produtor de carne porcina da UE, e o terceiro a escala mundial. A pesar de décadas de evidencia, as autoridades locais e o goberno español seguiron apoiando a expansión deste modelo intensivo, mesmo en zonas que xa sufrían tensión hídrica e contaminación por nitratos.

Blanca Ruibal, coordinadora de Amigas da Terra, afirmou: 

Esta sentenza é unha vitoria sen precedentes fronte á gandería industrial. Estamos moi esperanzadas por está nova vía que se abre para todas as comunidades afectadas pola contaminación procedente de macroexplotacións gandeiras. Por fin a poboación das Conchas pode respirar tranquila, despois de tantos anos soportando un ambiente insalubre”.

Agora as administracións terán que tomar medidas e estaremos vixiantes para lograr que se cumpran. Necesitamos un plan de redución da gandería industrial e facilitar a transición cara a unha gandería extensiva, a agroecoloxía e modelos que respecten os límites dos ecosistemas e contribúan a manter un mundo rural vivo. As administracións deben velar polos dereitos e a saúde da cidadanía, e non deixaremos de reivindicalo e apoiar as comunidades locais que o necesiten”. 

David Sánchez, director de CECU, declarou:

Hoxe é un día histórico para a defensa dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias. As autoridades son, efectivamente, as responsables de que as actividades da industria non afecten os dereitos fundamentais da cidadanía. Esperamos que esta sentenza marque o principio do fin a situacións que dificultan ou mesmo impiden á poboación do medio rural beber auga das billas nos seus domicilios e que se faga xustiza nestes casos de contaminación”.


Notas:

Antecedentes do caso:

 

Este caso foi presentado por sete demandantes locais afectados do pobo das Conchas, e dúas entidades xurídicas: a Asociación Veciñal das Conchas, que representa os dereitos dos residentes do municipio, e a Federación de Consumidores e Usuarios (CECU), que actúa en nome dos consumidores e usuarios de auga da rexión máis ampla da Limia e Baixa Limia.

 

Co apoio de ClientEarth e Amigas da Terra España, a demanda dirixiuse contra tres niveis de autoridades públicas: a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o Goberno rexional de Galicia (Xunta de Galicia) e cinco municipios da zona afectada: Bande, Lobeira, Os Blancos, Trasmiras e Muiños.

 

Desde que se presentou a demanda, políticos portugueses cuestionaron á súa propia axencia medioambiental sobre o risco de contaminación augas abaixo; a Deputación de Ourense acordou por unanimidade a finais de xuño esixir ás administracións medidas urxentes para acabar coa contaminación do río Limia e do encoro das Conchas. Os eurodeputados españois pediron á Comisión Europea que tome accións ante esta situación.

 

Mentres tanto, os veciños afectados expresaron a súa indignación pola defensa presentada pola Xunta durante a vista xudicial, na que se negou que existise un risco grave para os demandantes.

 

ClientEarth xa emprendeu accións legais similares en Italia, despois de que a contaminación por fertilizantes procedente do cultivo de abeleiras destruíse o ecosistema do Lago Vico e envelenara a auga potable local. O caso gañou, e as autoridades foron obrigadas a limpar a fonte de auga.

 

A emblemática lagoa salgada do Mar Menor sufriu reiterados colapsos ecolóxicos debido á vertedura continua de fertilizantes agrícolas e xurros, o que provocou un cheiro insoportable e miles de peixes mortos nas beiras, afastando ao turismo dunha zona anteriormente próspera. En 2021, ClientEarth uniuse a Ecoloxistas en Acción para emprender accións legais. Desde entón, a lagoa obtivo o status de persoa xurídica.