No día da biodiversidade, desde Amigas da Terra publicamos un informe no que se desenvolvemos a figura dos “refuxios climáticos comunitarios”

Reclamamos que para garantir o ”dereito á natureza” e facer fronte á crise climática necesítanse políticas públicas de renaturalización das cidades, pero tamén políticas de vivenda contundentes

Hoxe, 22 de maio, Día Internacional da Diversidade Biolóxica, tamén coñecido como Día da Biodiversidade, Amigas da Terra publicamos o informe “Refuxios climáticos comunitarios: construíndo en común redes de coidados”, elaborado por Col·lectiu Punt 6, a través do cal poñemos en valor a figura dos “refuxios climáticos comunitarios”, unha ferramenta que non só nos permite aumentar a biodiversidade a escala local, senón tamén a adaptación ao cambio climático e a construción de comunidades resilientes. 

A realidade climática, onde as altas temperaturas provocan 4.600 mortes cada ano só en España, e ameazan con que o 70% do Estado estea en risco de desertificación, fai necesario contar con cidades habitables, e para este fin é imprescindible aumentar o número e tamaño de zonas verdes. Estes espazos permiten regular a escala local as temperaturas, pero tamén melloran a saúde mental e física das persoas, e permiten xerar espazos de lecer e goce, polo que deben multiplicarse e distribuírse equitativamente por todos os barrios da cidade. 

Con todo, este aumento de zonas verdes debe responder a dous criterios. Por unha banda, necesita ir aparellada de políticas de vivenda como a baixada dos prezos do alugueiro, para evitar que a mellora da calidade de vida nas cidades implique un aumento de prezos que expulse ás persoas dos seus fogares – nun proceso coñecido como xentrificación verde -. Por outra, débense deseñar os procesos de renaturalización conxuntamente coas persoas que habitan o territorio, ao ser quen coñece as necesidades da comunidade,  para garantir así que respondan o interese xeral e non meramente ao económico.

Por este motivo, non só reclamamos a construción de “refuxios climáticos”, entendidos como calquera espazo que xere confort térmico fronte a ondas de calor ou frío, senón que demandamos que estes refuxios poidan facilitar procesos de construción de comunidade, que sexan espazos xestionados polas propias persoas que os habitan, e que teñan a capacidade de decidir como queren que sexa a súa contorna. Resulta vital que a súa implantación leve a cabo de maneira masiva, apoiada polas administracións e xerada polas veciñas, de tal forma que permita á poboación enfrontarse ás ondas de calor desde zonas verdes e coa construción de vidas dignas. 

Para coñecer máis sobre estes refuxios, no informe elaborado explicamos como poderían implantarse e cales son as características que os definen. No mesmo recóllense varios exemplos que á súa vez integraron unha mirada ecofeminista, interseccional e inclusiva co fin non deixar a ninguén atrás no urbanismo que necesitan as cidades. Entre eles menciónanse a “Rede de refuxios climáticos de coidados, A Prospe, Barcelona”, “Patios Coeducativos”, “Construímos a Trincheira Climática do Casc Antic” ou a “Rede de refuxios climáticos de coidados en Ciudad Arce”. Iniciativas que se gañaron con suor a categoría de referentes como refuxios climáticos comunitarios. 

Reclamamos ás administracións locais a xeración e promoción de refuxios climáticos comunitarios, impregnada dunha xestión territorial participativa, a través da creación directa en solo non edificado e a facilitación ao desenvolvemento de experiencias cidadás autoxestionadas como hortos comunitarios e espazos comunitarios informais.

Informe