En Santa Ana de Yusguare, está a implementarse o proxecto “Apoderamento de mulleres rurais vulnerables para o exercicio dos seus dereitos coa participación social e política, a prevención da violencia de xénero, a soberanía alimentaria, a restauración ambiental e o acceso a recursos económicos”. Trátase dunha iniciativa financiada pola Xunta de Galicia que xorde das necesidades identificadas previamente coa Rede Municipal de Mulleres (RMM) e a Oficina Municipal da Muller (OMM). Santa Ana de Yusguare é un municipio hondureño no que existen unhas brechas moi marcadas para o acceso á xustiza de xénero, a unha alimentación e nutrición saudable e a recursos económicos para as mulleres e, ademais, como parte do Corredor Seco de Honduras vese afectado directamente os efectos do cambio climático.

Nos primeiros meses desenvolvéronse, xunto coa Asociación de Mujeres Defensoras da Vida (AMDV) e a Rede Rexional de Mulleres do Sur (RRMSUR), varias accións orientadas ao recoñecemento dos dereitos das mulleres e á mellora de capacidades para a resolución de conflitos. Unido a iso, iniciouse un proceso de formación como promotoras e conselleiras legais para o acceso á xustiza de xénero de 21 lideresas da RMM. Estas promotoras e conselleiras legais contarán coas habilidades para atender a mulleres vítimas e sobreviventes de violencia acompañándoas nos seus procesos co fin de reducir o roteiro da denuncia. Establecéronse coordinacións con Operadoras de Xustiza para a xestión dun Consultorio Xurídico no palacio municipal de Santa Ana de Yusguare e dun Xulgado Especializado en Atención á Violencia Doméstica para o departamento de Choluteca.

Realizáronse xornadas para fortalecer as capacidades do Movemento de Acción Feminista (MAF) formado pola Rede de Mujeres Novas de Santa Ana de Yusguare, quen preparou obras artísticas sobre prevención de violencia de xénero e medio ambiente. Como parte da campaña de sensibilización desenvolveuse un proceso de formación sobre masculinidades transformadoras e estereotipos de xénero co fin de promover cambios actitudinais en mozos para que asuman un rol de promoción da igualdade de xénero na sociedade. Este proceso complementouse cunha feira estudantil de concienciación para reducir a estigmatización sobre a violencia de xénero na que se involucraron 85 mulleres e 67 homes novos.

Organizouse coas RMM e a OMM unha Feira Cultural pola Xustiza de Xénero e a Restauración Ambiental para a sensibilización de máis de 300 lideresas, tomadoras de decisións, operadoras de xustiza e docentes a través da arte e o intercambio de experiencias. Coordinouse co Comité Inter-insitucional para a Xustiza de Xénero do Departamento de Choluteca, o Foro Non Hai Escusa, Únete á Eliminación da Violencia contra as Mulleres con máis de 500 mulleres participantes. Participouse nun Foro polo Día Internacional dos Dereitos Humanos, onde se resaltou ante máis de 150 lideresas e autoridades municipais a importancia da participación política e social e o acceso das mulleres aos Dereitos Económicos, Sociais, Culturais e Ambientais (DESCA).

Para contribuír á soberanía alimentaria, leváronse a cabo actividades enfocadas na promoción de boas prácticas agroecolóxicas, a restauración ambiental e a xestión integral da auga cun enfoque de equidade de xénero e participación comunitaria. Nunha primeira etapa, formáronse 20 promotoras agroecolóxicas comunitarias para a produción baixo os principios do método de cultivo biointensivo e a aplicación de tecnoloxías apropiadas. Establecéronse 4 Escolas de Campo Agroecolóxicas nas comunidades de Tablones Arriba, La Permuta, Zorrillos e La Tajeada como espazos de aprendizaxe comunitaria.

Implementáronse 79 hortos familiares, dos cales 13 son hortos biointensivos de referencia e 47 xa están a aplicar os 8 principios do método. Nestes hortos logrouse integrar unha diversificación de cultivos de grans básicos e hortalizas (chile doce, tomate, cenoria, ravo, remolacha, cogombro, chile indio, coandro, culantro, cebola, leituga, iuca, batata, ayote, zapallo, millo amarelo, millo cuarentano, millo branco, frijol vermello, frijol alacín…), plantas medicinais (albáfega, ourego, menta, sábila…) e árbores froiteiras (mango, papaya, limón, aguacate, plátano maceira…). Esta integración permite producir moitos alimentos saudables e nutritivos en pequenos espazos e cun uso mínimo de recursos naturais e materiais locais na elaboración de abonos orgánicos, bioplaguicidas e trampas ecolóxicas para o control de pragas e enfermidades.

Así mesmo, formáronse 20 promotoras ambientais en boas prácticas para a restauración participativa de ecosistemas e a xestión sostible bens comúns, que contan cun viveiro artesanal para a produción de plantas forestais e froiteiras destinadas á reforestación de áreas degradadas nas comunidades. Na zona de amortecemento da área Protexida do Cerro Guanacaure, sementáronse 1.200 plántulas en 2 hectáreas. Impartíronse coñecementos sobre métodos de reprodución de sementes e crecemento de plántulas. Realizáronse xornadas sobre gobernanza comunitaria da auga e restauración ambiental, abordando a relación entre a auga, a produción de alimentos e os dereitos das mulleres.

Para facilitar o acceso a recursos económicos, melloráronse capacidades de 2 grupos organizados de mulleres e 7 emprendedoras individuais en aras de contribuír á sustentabilidade das súas iniciativas económicas. Construíronse coas emprendedoras os plans de negocio, incluíndo desde a identificación das necesidades ata as liñas de comercialización, para a posta en marcha e a operación destes microemprendimientos vinculados á produción, recolección, procesamento e transformación de grans básicos, hortalizas e froitas e outros produtos propios da identidade territorial das comunidades e o municipio de Santa Ana de Yusguare.

As 22 mulleres emprendedoras que participan nos procesos de formación xa están a elaborar e comercializando actualmente: artesanías de barro, viño de jamaica, xeleas de piña e outras froitas, pan caseiro, pan artesanal, conservas de coco e leite, nacatamales de porco e de galiña india, sopas, comidas típicas (tacos de pito e res, enchiladas, catrachitas de frijoles e queixo…), entre outros produtos. Así mesmo, varias delas venden excedentes dos produtos agroecolóxicos cultivados nos seus hortos familiares (tomate, chile, cebola, culantro, ayote, zapallo, iuca, batata…). Con estas vendas, as emprendedoras xeran recursos económicos complementarios para atender a necesidades básicas dos seus fogares a nivel de educación, saúde ou vivenda, ao tempo que alcanzan unha independencia económica que en moitas ocasións contribúe á súa saída do ciclo da violencia no que se atopan inmersas e a construír cambios nas condutas patriarcais das súas familias.

AMDV co acompañamento de Amigas da Terra está a deseñar unha estratexia de comercialización diferenciada en mercados locais que inclúe as capacitacións, o equipamento e dotación de materiais e insumos, as alianzas estratéxicas e mesas de negociación con comerciantes, a identificación de fontes de financiamiento inclusivas con cooperativas e caixas rurais de aforro e crédito e o uso da plataforma virtual Emprendedoras do Sur e redes sociais para a promoción e a venda dos seus produtos.